AMEAZAS
FORTES
Unha
somera análise DAFO, indicanos que o primeiro problema do país
galego é a insuficiencia de oportunidades de emprego. Actualmente o
número de persoas empregadas e de persoas cotizantes á Seguridade
Social, é menor que no pasado, mentras o número de pensionistas
medra vertixinosamente. O número de parados é maior e deles unha
elevada porcentaxe son de longa duración e polo tanto de difícil
reinserción. Os contratos asinados, abrumadoramente temporais, duran
poucas semanas, coñecen unha elevada rotación e reciben baixos
salarios. Da incapacidade da economía galega para crear emprego,
abonda cun dato. Casi a cuarta parte dos asalariados galegos
traballan directamente para a Administración, seis puntos máis ca
media española. A crise casi endémica de sectores relevantes no
emprego como a industria naval, o leite ou a pesca, indican que
ainda non tocamos fondo. A industria perdida durante a crise terá
difícil recuperación. A construcción, noutrora acolledora dun
elevado volume de traballadores con baixa cualificación,
desapareceu. Sectores con potencial crecemento como o forestal, a
industria alimentaria ou o turismo, arrastran problemas estruturais.
A política
económica desarrollada pola Xunta de Galicia ten fracasado. Tiña
como norte controlar o déficit fiscal, sacrificando o investimento
público, o gasto social e as políticas sectoriais. Tamén o gasto
en I+D. Partindo dunha concepción restrictiva da xestión pública,
as principais actuacións foron dirixidas a reformular o Estado de
Benestar, introducindo criterios de copago e de externalización dos
servizos. Uns e outros fortemente contestados e de dubidoso futuro.
Hoxe Bruxelas esixe novos recortes por importe de 9000 millóns de
euros mentras o déficit estatal segue sendo elevado. Nestes anos
o aumento de productividade empresarial foi consecuencia da
devaluación salarial e non do investimento de capital ou tecnoloxía.
E o peso da débeda pública será unha lousa para futuros gobernos.
Os
informes internacionais alertan do retraso de Galicia nos indicadores
de competitividade. Tamén nas facilidades para crear ou desarrollar
empresas. A elevada producción lexislativa do Parlamento galego, ten
carácter marcadamente burocrático e impacto mínimo na economía
real.
É sabido
que o cativo tamaño das empresas galegas dificulta tanto a
internacionalización como a innovación. De feito as duas empresas
principais, Citroën en Vigo e Inditex na Coruña, son responsables
de dous terzos das exportacións. Doutra banda non abonda con
exportar máis, debe lograrse superávit no saldo de intercambios.
Xunta e tamén empresarios non foron quen ata agora de cambiar esa
situación de xeito perceptible. Mesmo, en ocasións, a iniciativa
política foi letal para as empresas, como no sector eólico, hoxe
paralizado pola reforma eléctrica.
Unha
ameaza distinta ven representada pola propia posición periférica. O
relevante impulso das infraestruturas, autovías, estradas,
ferrocarril, portos, que recibiron un investimento estatal sen
precedentes, non está sendo acompañado de iniciativas de posta en
valor. Dificultades para captar investimentos empresariais do
exterior cando existe unha notable oferta de solo empresarial,
funcionamento burocrático dos principais portos, pouco activos na
captación de tráficos de alto valor engadido e de investimentos.
Inexistentes políticas ferroviaria e aeroportuaria.
Nos
últimos sete anos, o goberno galego non tivo interés en impulsar
unha política empresarial consistente e de longo prazo, nin en
abordar ou paliar o desemprego. Non existe unha política exterior
digna de tal nome. No seu lugar abondosos discursos sobre a
eurorrexión, a macrorrexión ou Europa que non foron acompañados en
ningun caso de políticas rigurosas e sostidas no tempo. O impulso
limitouse ó discurso e á propaganda.
Unha
terceira ameaza é de oportunidade. A crise institucional con
Cataluña, cuestionando o Estado actual e como consecuencia o marco
económico e social, relega o peso dos demáis problemas
territoriais. Calquera solución para aquel territorio que implique
incremento de recursos propios, será en detrimento das Comunidades
que son receptoras netas, Galicia entre elas. O debate suscitado por
algún grupo político sobre o custo-beneficio do AVE para alguns
territorios, é un indicio do que ven. Na deriva do problema catalán
hai un punto de partida: a reinvindicación de maior autonomía
fiscal ou, noutros termos, de minorar o criterio de solidariedade
entre territorios. As fórmulas para resolvelo abarcan dende un
sistema semellante ó cupo vasco ata un incremento de transferencias
ou de investimentos. Pero na suma final, o gasto público do Estado
terá que ser redistribuido á baixa. Sin entrar a considerar a
inevitable reforma do sistema de pensións, pola vía do gasto ou
pola vía do ingreso mediante novas figuras impositivas que tamén
incidirán nos recursos dispoñibles.
Si as duas
primeiras ameazas citadas, mercado de traballo ou situación
periférica deben de ser abordadas polo autogoberno cos axentes
económicos mentras a terceira, Cataluña, depende da política
estatal, a cuarta ameaza está en nos: a feble sociedade civil. Un
peso tan elevado da Administración no emprego e na distribución de
axudas, fronte a institucións empresariais, culturais ou sociais de
pequeno tamaño agás excepcións, non favorece que agromen
iniciativas. Nin de carácter emprendedor, nin de organización
social, nin como grupos de presión. Ese desequilibrio entre un
sector público grande pero pouco innovador e un sector privado
heteroxéneo e con poucos referentes, afecta a tódalas esferas da
sociedade: medios de comunicación, universidades, organizacións non
gubernamentais, entidades empresariais ou sociais, etc. É un bucle
de retroalimentación na dependencia.