domingo, 30 de noviembre de 2014

AS RAICEIRAS DE PODEMOS

A irrupción de Podemos como grupo político con perspectivas de resultados óptimos, é a consecuencia de varios factores, derivados casi todos do momento político aos que se engaden estratexias mediáticas.

Para contextualizar axeitadamente os datos, compre lembrar os precedentes de moitos outros países nos que a crítica ó modelo político vixente, ós seus límites, á corrupción, etc, ten provocado cambios políticos importantes: Arxentina, Ucraina, Grecia, Ecuador, etc.

Centrándonos na Unión Europea, os últimos datos dispoñibles sobre resultados electorais e ascenso de partidos populistas, aparecen na seguinte Táboa:

Tabla 1. Porcentaje de voto obtenido en las últimas elecciones parlamentarias
Partido
Votos
Lista Pym Fortuin y Partido por la Libertad (Geert Wilders (PVV) (Países Bajos)
17% (2002); 6% (2006); 15% (2010, PVV)
Partido Liberal Austríaco
27% (1999); 10% (2002); 11% (2006); 17,5% (2008)
Bloque Flamenco Belga
12% (24% en Flandes) (2003); 12% (2007); 8% (2010, Vlaans Belang)
Partido Popular Danés
12% (2001); 13% (2005); 14% (2007); 12% (2011)
Partido del Progreso Noruego
15% (2001); 22% (2005); 23% (2009)
Demócratas de Suecia
3% (2010); 6% (2010)
Auténticos Finlandeses
2% (2003); 4% (2007); 19% (2011)
Frente Nacional (Francia) [1]
17% (2002); 10% (2007); 18% (2012)
Partido Nacional Británico
0,7% (2005); 2% (2010)
Partido del Pueblo Suizo
(23%)1999; 27% (2003); 29% (2007); 27% (2011)
Fuente: elaboración propia y http://electionresources.org.

Enquisas da Unión  indican que en 17 países dos 28 membros, a percepción da corrupción é sinalada polo 75% da poboación, mentras que só en catro países esa percepción baixa do 50%. Nese caldo de cultivo medran a desafección, os movimentos anti-sistema (democrático) e os novos tipos de partido político, aén da inhibición, deslexitimación das institucións, etc.

Tradicionalmente esos movimentos populistas foron alcumados como de extrema dereita pero a imaxe desta remite a un imaxinario (autoritarismo, represión da oposición, violencia institucional) que non se corresponde coas novas realidades. Como indica a táboa anterior, existen xa movimentos representativos electoralmente que sobardan esas etiquetas para aludir a un conxunto de problemas tradicionalmente menosprezados polos partidos clásicos: inmigración, interculturalismo, paro, marxinación.

Ata agora a resposta dos partidos clásicos foi aillar nas institucións a esas formacións. Máis esa actitude non minora o seu apoio electoral por canto os seus electores non agardan que gobernen sinon que sexan o revulsivo dunha situación percibida como desesperanzadora, sen alternativas creíbles.

Ainda así, os resultados desas formacións están modificando xa a a axenda política dos diferentes países. Exemplos serían o novo discurso sobre a inmigración que predican Cameron no Reino Unido ou Suiza ou o vendaval que está provocando Podemos en España. A idea de fondo, común a todolos novos partidos é a incapacidade do eixo dereita-esquerda para resolver a crise, pois ambas serían debedoras da política tecnocrática e globalizadora que defende a Unión Europea en connivencia cos mercados de capitais.

De xeito máis inmediato, a captación masiva de voto de formacións como Podemos, vai parella co medo a perder un modo de vida da clase media, da seguranza no traballo, do valor da formación. Por primeira vez en moitos anos, un traballo non evita a pobreza, pois os salarios son menguantes e os contratos temporais. As novas xeneracións deben vivir peor que as xeneracións dos seus pais. Joan Juaristi denomina burguerses a esas novas capas sociais de xente con elevada formación, baixas perspectivas laborais e salariais e consumo elevado. Son a base social de Podemos.

Cunha sociedade civil feble, un tecido asociativo pobre e medios de comunicación moi polarizados políticamente, o novo partido xoga na ambigüedade cómoda. O respaldo expreso dalgunhas canles de televisión e os intereses do partido maioritario, coinciden neste caso. É a esquerda quen entra en crise de redistribución do voto mentras a dereita sube ou baixa pero non se fracciona.

Xen dúbida compre unha axenda reformista. Do funcionamento dos partidos políticos e do seu financiamento, da lei electoral, da transparencia e rendición de contas, da colonización da administración e dos órganos reguladores pola política, e sobre todo de impulso dunha cultura da integridade. Reformar a Constitución pode ser a consecuencia desa axenda reformista, non a única solución.

Difícilmente os novos movimentos políticos abordarán  esas reformas.  Na sua ambigüedade calculada levan o xerme da parálise. É tempo de construir acordos máis que tempo de xestos, de aunar vontades distintas na percura de obxectivos de longo prazo. Lamentablemente os discursos que escoitamos están demasiado preocupados polos titulares mediáticos do día seguinte. Como ten ocurrido moitas veces na historia, estamos paralisados mentras chegan os bárbaros.



martes, 25 de noviembre de 2014

ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2015

 Transcurridos seis anos de goberno, os indicadores económicos e sociais de Galicia presentan un deterioro moi grave que cuestiona a política económica seguida polo goberno. Os orzamentos para 2015 abundan nas mesmas liñas continuistas polo que non cabe esperar efecto distinto do que tiveron os anteriores.

Hai poucas datas, un dos principais medios de comunicación do país adicaba unha extensa reportaxe á situación económica, coa colaboración de destacados expertos. Cun título elocuente: “Alerta de tormenta perfecta na economía galega”. Os principais factores para esa dura afirmación eran: a evidente ralentización do PIB, a desindustrialización con caídas importantes na actividade industrial pero tamén na construcción, hostelería e nos servizos. O mínimo crédito dispoñible. A formación bruta de capital en cifras negativas dende hai sete anos. Sen investimento público. Cun 90% de contratos temporais e niveis salariais que non deixan de caer. Cun sector público recortado, e un índice de envellecemento galopante. So o comercio exterior ofrece datos relativamente positivos.

Na presentación do orzamento, a Xunta define seis áreas estratéxicas: economía do coñecemento, mellora da empregabilidade, benestar social, infraestruturas, competitividade empresarial e sostenibilidade ambiental. Máis as cifras desminten esas prioridades. Así, a promoción do emprego acumula caídas en seis anos do 54%. A vivenda e infraestruturas, do 80% e 56% respectivamente e o medio ambiente do 70%. Si atendemos ó desenvolvemento empresarial, estamos na metade de onde estabamos hai seis anos, igual que en investimento público ou transferencias de capital. Canto ós grandes servizos públicos, a sanidade rexistra unha caída do 10% do gasto público e a educación do 15%.

Os orzamentos son menores que no ano anterior en casi 500 m€. En euros constantes recortaron nestes anos 1815 m€ anuais. Un 22% do gasto social. De cada dez euros que o propio primeiro goberno Feijoo dedicaba a gasto social, mais de dous foron podados, desapareceron. 

Algo que contrasta co aumento espectacular dos gastos financeiros, consecuencia do incesante aumento do endebedamento da Xunta de Galicia e que continuará no 2015 ata o 18% do PIB. Para rebaixar o déficit en 168 m€, incrementarase a débeda en 450 m€. A ese elevadísimo endebedamento, que lastra gravemente a capacidade de recuperación no futuro, debemos engadir os 3.000 mm€ de pago por concesións público–privadas e alomenos 500 millóns de euros de endebedamento a longo prazo das empresas autonómicas como a Sociedade de Investimentos, as Xestures ou Sogama.


PRESENTAN UN CADRO MACROECONÓMICO DIFICILMENTE CREÍBLE

Anuncian que o PIB medrará un 2%, o dobre que países como Alemaña. É unha estimación superior nun 20 % ás previsións da Comisión Europea para España. Os datos do INE, son bastante máis negativos e nos colocan peor ca media estatal e nos últimos lugares das CCAA. En gasto dos fogares, en exportacións, en postos de traballo, en formación bruta de capital.

NON PRIORIZAN A CREACIÓN DE EMPREGO

En materia de desemprego estamos peor que o 90% das 272 rexións europeas. É un dato máis que preocupante. Con consecuencias da reforma laboral moi negativas, menos estabilidade,  aumento da contratación a tempo parcial,  menor grado de cobertura de protección, dous de cada tres desempregados/as non cobran nengunha prestación. Un terzo gañan menos do salario mínimo. 

A resposta da Xunta: menos do 2% para programas de loita contra o desemprego. Con 120.000 parados máis que no 2009, reduciron o orzamento a menos da metade. No recente debate do Estado da Autonomía, este Grupo propuxo adicar 400 m€ en dous anos para unha Axenda urxente de emprego, co obxectivo de acadar 50000 postos de traballo en dous anos. Foi rexeitada.

Recentemente coñecemos escándalos derivados do mal uso dos fondos de formación. Trátase dunha actividade imprescindible, pero probablemente necesitada dunha revisión a fondo da sua organización e control,  tamén dos contidos e resultados. Hai datos preocupantes sobre a eficacia. Así, mentras nos países comunitarios de referencia a baixa cualificación dos traballadores afecta ó 15%, no noso país se multiplica por tres, concretamente ata o 42% da poboación activa e o 54% dos parados. Con esos datos, reducir o gasto educativo ou renunciar a unha política de formación máis eficaz, é un erro estratéxico da política económica


  RENUNCIA A NOVOS RECURSOS

Cando necesitariamos maior financiamento,  negaronse a renovar o sistema de financiamento autonómico. Por motivos puramente electorais. De xeito que ata 2017 perderemos a oportunidade de recursos suplementarios. Tamén renuncian a incrementar ingresos aumentando os tipos impositivos para os que teñen maiores ingresos ou para os grandes patrimonios; ou mediante o aumento dos impostos medio –ambientais; ou gravando as grandes superficies comerciais ou ás entidades bancarias. Non falamos de cifras menores. No último ano o patrimonio dos 7000 galegos máis ricos incrementouse nun 9%, é decir, en 4.800 millóns de euros adicionais.


  NON ABORDAN A LOITA CONTRA DA POBREZA

A pobreza é hoxe habitual na nosa sociedade. Con numerosas familias en situacións precarias ou de exclusión. Os orzamentos propoñen incrementos menores nalgunhas partidas. Debemos lembrar que hai máis de 30000 fogares sen ingresos. No pasado debate do Estado da Autonomía, propuxemos incrementar as axudas sociais para garantir unha renda a todalas familias sen ingresos. A maioría da Cámara foi insensible.


PARALISAN OS GASTOS PRODUTIVOS E DE FOMENTO DO CRECEMENTO.
 
Os gastos dirixidos a investimentos de capital, volven a decrecer para o 2015, sendo os menores de todo o século actual, inferiores á metade incluso dos últimos anos do goberno Fraga onde o propio Sr.Feijoo facía o contrario do que fai hoxe. As cifras que se propoñen sendo menores, son ademáis enganosas. Así figuran elevadas partidas para investimentos no funcionamento da propia administración ou en gastos inmateriais de dubidoso interese como publicidade.

OS ORZAMENTOS DAS DISTINTAS CONSELLERIAS REVELAN CONTINUISMO EN POLITICAS FRACASADAS

Seguen carecendo de obxectivos concretos de crecemento e de emprego. Os programas de gasto son totalmente continuistas de anos anteriores. Tamén revelan o estilo do goberno. Dende a Presidencia da Xunta, máis opaca que nunca ata a falsedade manifesta da reducción de organismos públicos, sobre a que o Consello de Contas ten sido bastante claro nestes días, reducindo o seu efecto orzamentario a un irrelevante 1%. Mesmo nos organismos nos que teñen un interese especialisimo, como na CRTVG, portavoz partidario antes que medio de comunicación, o fracaso reflictese na audiencia, que está por debaixo do 10%, cuestionando o futuro do ente.

Canto ás Consellerías investidoras, a de Medio Ambiente caracterizase pola pasividade. Eliminada a política de vivenda, fracasado o programa de realoxo para familias desafiuzadas, paralisado o plan de rehabilitación e calidade da vivenda. E ademáis cunha política enganosa. Así mantense intacto o canon imposto ós concellos adheridos a Sogama, sen que se reseñe a minoración publicitada. Sen esquecer a nula eficacia do plan de venta de solo industrial, en parte pola valoración estrambótica do solo existente. Mentras, se paralisa a Plisan de Vigo invitando ás empresas galegas a instalarse en Portugal. O peso desa Consellería no investimento público tense reducido constantemente nos últimos anos.

Tamén pode suliñarse a contradicción entre a industria 4.0, defendida polo titular de Industria, e a reducción do gasto en I+D, que tense desplomado ata o 0 ´87 do PIB, na dirección contraria ás economías avanzadas. O programa de desenvolvemento empresarial, o IGAPE, novamente reducese nun 10%, confirmando que estamos diante dunha política virtual sobre a empresa. Ese discurso grandilocuente da empresa 4.0 traducese nos orzamentos da conselleria nun pírrico incremento do 0´05%.

Canto ós sectores primarios, un ano máis os orzamentos reflicten a carencia de plans estratéxicos para os sectores básicos: lácteo, pesca, forestal. Malia que son sectores que aguantan a crise e sobre os que debería construirse un futuro competitivo. Producimos madeira, pero de peor calidade e menor prezo, desprezando as transformacións de máis valor engadido e mantendo o 30% da capacidade forestal sen aproveitamento.

As dotacións para pesca son hoxe un terzo das que eran hai cinco anos. Os resultados están á vista: caída constante dos afiliados ó Réxime Especial do Mar, peores salarios, condicións de vida máis precarias, expulsión dos nosos barcos dos caladoiros de pesca. A acuicultura non existe para o goberno. Estaba moi presente nos discursos cando estaban na oposición. Dende que gobernan non fixeron nengunha actuación.

Fronte á sanidade universal concebida como servizo público vostedes introduciron a mercantilización do sistema, que só beneficia ós intermediarios empresariais, non ós profesionais nin ós doentes. Así, incrementan o canon ás empresas privadas mentras continuan recortando as axudas ás familias de enfermos mentais, alzheimer, enfermidades de transmisión sexual ou a atención ós drogodependentes.

De novo recortan en vacinas, con consecuencias constatables na saúde, con aumentos nas patoloxias, ata nun 80% na varicela, por exemplo. Pero o hospital de Vigo privatizado aumenta o canon percibido en 23 m de euros e apartir do 2016 chegará a 68 m€ anuais.

Os 15 centros de saúde, tantas veces prometidos polo Presidente, reducense a tres en construcción e grazas ó financiamento comunitario. A supresión de médicos é continua, con xubilacións forzosas e reducción de plantillas. 
No ensino, fronte ás elevadas taxas de desemprego xuvenil e á emigración masiva da xuventude, resucitan unha Formación Profesional Básica sen medios económicos e que xa fracasou en España. Publicitan unha modalidade de FP Dual, limitada a 216 estudantes dun total de 53000, menos do 0´5%.
Na atención ás persoas con necesidades a insensibilidade da Xunta non varía. Seguirán no limbo administrativo 18.000 dependentes, cos dereitos recoñecidos pero sen cobrar prestación algunha, mentres volven a facer avaliacións para rebaixar as axudas de forma sistemática.

ALTERNATIVA

As nosas emendas propoñen mobilizar 580 m€, o oito por cento do gasto non financieiro, deles 364 m€ de novos ingresos, actuando selectivamente sobre os impostos autonómicos pero reclamando tamén un maior compromiso nas transferencias do Estado, inexplicablemente reducidas nun 60%. E rebaixando o gasto improductivo da Xunta, onde hai marxe notable.

Cremos que o orzamento ten que ter duas directrices básicas: o emprego e a loita contra da pobreza. E xunto a elas, o reforzo da Sanidade e do Ensino. Porque so a combinación de políticas de crecemento e de reforzo do Estado de Benestar poden afrontar a crise.

Temos unha perda de 150000 activos e cen mil afiliados menos á Seguridade Social.
Con 120000 parados sen cobertura, con 90000 familias onde todolos membros estan en paro, con 30000 fogares sen ingresos.
 
Un de cada seis galegos está en risco de pobreza. Nunca existiu esta situación.

LECTURAS POLÍTICAS DE OUTONO-3

Jon Juaristi, brillante ensaista e habitual polemista escribe unha obra de coxuntura a partires da abdicación de El-Rei. A tese é o carácter accidental da monarquía española dende a restauración franquista. Co seu habitual estilo, erudito máis ameno e por veces desenfadado, analisa  fondamente a monarquía visigótica, a imposición do catolicismo como doctrina do Estado e a correlativa aceptación da monarquía hereditaria. A figura do rei Hermenegildo serve como nexo coa posición de Franco, contrario a Alfonso XIII e a Don Juan pero interesado nunha nova monarquía.

Igualmente é interesante a análise do republicanismo, que considera totalmente fracasado como proxeto político, unha vez fagocitado pola esquerda e modernamente asumido como sinal de identidade polas minorías.

O autor, nun final brillante ainda que máis frívolo, crea o concepto de "burguersía" para definir a esas xeneracións de alta formación, baixos salarios e niveis de vida proletarizados, para concluir no "BurgerKing", como risco que ameaza ó novo monarca, tan cercenado de funcións. Unha curiosa semblanza da Raiña Letizia comparada co líder de Podemos, pecha un ensaio que non deixa de recorrer algunhas das obsesións do autor: o nacionalismo vasco, o carlismo, a esquerda.

LECTURAS POLÍTICAS DE OUTONO-2

Os autores, dous reputados catedráticos galegos de economía, fan unha extensa analise das políticas económicas que levaron á crise, do xeito no que ésta cuestionou algunhas teorías, do papel dos mercados e do posible futuro.
Trátase dunha obra extensa, densa, asequible para un lector interesado pero que esixe certa familiaridade coas teorías de política económica.

A obra é moi crítica coa desregulación dos mercados financieiros iniciada nos anos 80 pola Administración Reagan, seguida con entusiasmo polo goberno Thatcher e finalmente imposta coa globalización. A revisión dos fitos desa evolución causa desazón, pois debuxa un escenario onde decisións marcadamente ideolóxicas foron aceptadas como dogma económico, mentras paralelamente a política era sacrificada en beneficio dos chamados mercados.

Os autores censuran a política de austeridade imposta en España e noutros países, que califican de suicida e defenden, con datos elocuentes, unha política de crecemento e un novo diálogo entre mercados e política, aceptando que non é posible unha "desglobalización financieira" pero si acordos en marcos territoriais distintos como a Unión Europea.

LECTURAS POLÍTICAS OUTONO- 1

Politikon é un colectivo de analistas, multidisciplinar, xóvenes pero de ampla traxectoria, que manteñen un blog de análise política baixo ese nome.

O libro que agora editan ten un grande interese. Pola linguaxe utilizada, divulgativa ainda que rigurosa, pero sobre todo por abordar os temas principais da axenda política española, dende posicións críticas, máis constructivas e desfacendo moitas ideas preconcebidas sobre algus problemas omnipresentes en tribunas e tertulias.

Os problemas analisados son: a estrutura dos partidos políticos, o sistema electoral, a colonización política da administración e dos reguladores, carecendo así do principal contrapeso ós inevitables excesos do poder,  e a febleza da sociedade civil.

Ademáis reflexionan sobre as causas da corrupción, a orixe da crise política actual e o círculo vicioso de burbulla inmobiliaria, cunha masiva participación social na mesma, máis discrecionalidade dos gobernos, politización das caixas de aforro, e crise financieira. Un cóctel fatídico que incidiu máis en España porque a dimensión do problema (endebedamento privado) era maior. Suliñan os autores como a burbulla inmobiliaria e os riscos potenciais, eran elementos ben coñecidos anteriormente, pero sobre os que non existían incentivos políticos para actuar.

Teñen especial interese as reflexións sobre o liderato no seo dos partidos, os límites e beneficios dunha reforma da lei electoral e sobre os mecanismos de presión que poden desenvolver os cidadáns.





miércoles, 29 de octubre de 2014

INERMES DIANTE DA CORRUPCIÓN

Os medios de comunicacion ofrecen unha imaxe desoladora da vida publica española e galega. Os incesantes escándalos derivan no maximo desprestixio das institucions e poñen de manifesto a  incapacidade da politica para correxir e impedir a corrupción.

Debemos prescindir das letanías habituais sobre presunción de inocencia, independencia da xustiza ou peso da lei. Son fórmulas retóricas. As epidemias se combaten con medidas de choque e con mecanismos de prevención rigurosos. Temos un problema maiúsculo que corroe a democracia.

A corrupción non distingue de partidos. afecta a todos en maior ou menor grao. É un problema estrutural que  necesita medidas estruturais e non cosméticas como Feijoo propuxo no pasado debate do Estado da Autonomía. Medidas que afronten os problemas de fondo, incluido o rexime e funcionamento dos partidos políticos, que son parte notable do problema.

O Grupo Socialista, modestamente pero con responsabilidade, ten proposta numerosas iniciativas para prever a corrupcion. Todas foron vetadas pola maioría, que  non quere acordos pero carece de propostas.

Hai un problema engadido co financiamento ilícito do Partido Popular, que agroma en todalas investigacións. Existe  unha consigna de silencio nos dirixentes populares. Os sumarios  xudiciais apuntan a unha corrupción institucionalizada , mediante tramas societarias creadas á sombra do poder. Entres outros fins, para o financiamento do partido,  cunha "caixa B" xeneralizada, para pagar sobresoldos, obras, gastos correntes.

Nos sumarios hai de todo. Empresas que reciben contratos da Xunta e pagan comisións, conseguidores do  entorno persoal do Presidente, desvío de fondos de formación, conversas compremetedoras. En todolos casos foron denuncias da prensa ou dos traballadores as que provocaron a investigación xudicial. Nunca foi o control ou a iniciativa das Administracións. Paralelamente a maioría, nas Cortes e no Parlamento galego,  paralisou todalas iniciativas anticorrupción dende hai ano e medio. Hoxe o problema é peor que nunca.

Nun célebre grabado de Goya, dous homes pelexan a garrotazos baixo a pálida luz do mencer. Tense considerado que é unha representación do conflito das duas Españas, condeadas a pelexar por carecer de espazos de encontro. Desgrazadamente na vida política impera unha visión inmediata que tenta transformar a denuncia da corrupción en parte do arsenal dialéctico con fins electorais, esquecendo a necesidade de abordar as raíces do problema.

A estratexia a seguir. ata hoxe, non existe. Se evitan acordos serios e comprometidos para ofrecer xestos. Así, probablemente, a corrupción continuará no futuro, ata que se adopten medidas rigurosas, alomenos en tres asuntos:

a) Despolitizar a Administración para que sexa contrapeso do goberno. Feijoo fixo o contrario reinstaurando a máxima politización da era Fraga que fora eliminada polo goberno Touriño.

b) Despolitizar os órganos reguladores. Non é creíble que un exconselleiro e máximo dirixente do seu partido, supervise as contas públicas

c) Ampliar a transparencia do goberno, da administración e dos seus organismos, tamén da administracion local.

Rajoy pediu perdón. Non abonda. Hai que actuar. Nada fai prever que asi se faga a curto prazo.







miércoles, 22 de octubre de 2014

ORZAMENTOS 2015

Na presentación do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2015, a Conselleira de Facenda recoñeceu que estaban presididos pola prioridade do axuste. Non pola loita contra o desemprego, nin polo compromiso co crecemento, nin polo consumo, nin polo benestar.

As consecuencias de cinco anos continuados de axuste, son moi visibles. Estancamento, depresión, nunca crecemento. Desemprego consolidado, mocedade emigrando, consumo mínimo. Envellecemento e despoboamento, un país en declive. A reforma do mercado de traballo introduciu un modelo dual, con enorme precariedade e devaluación salarial, pero non crecemento do emprego.
Hoxe Galicia, como España, ofrece menos oportunidades e máis desigualdade.

Nunha vistosa, presentación do orzamento 2015, en especial nas páxinas 59, 60 e 61 describese o compromiso co crecemento intelixente, sostible e integrador. Como eixos se citan a economía do coñecemento, que rexistra unha caída do 15% en cinco anos, as políticas activas de emprego, reducidas nun 54%, a atención ós colectivos máis desfavorecidos, minoración do 27%, a dinamización demográfica, simplemente ausente do orzamento, as infraestruturas, que baixaron un 56%, a competitividade empresarial, que anota unha baixada do 50%, a sensibilidade ambiental, reducida nun 70% e o control ambiental, que se resume no modelo SOGAMA, incompatible coas directrices europeas. Cifras do 2015 en relación co 2009.

¿Ilusión? ¿Voluntarismo? ¿Marketing? ¿Cinismo?. Un cadro das principais magnitudes, é o seguinte:

ORZAMENTOS 2015 (en millóns de euros)
                                                                       2009                2015              DIFERENCIA              %
Función 32 Promoción do emprego               421                   193                  -  228                        -  54
Función 41 Sanidade                                   3.767                3.409                  - 358                         - 10
Función 42 Educación                                 2.404                2.048                  - 356                         - 15
Función 45 Vivenda                                        211                     41                  - 170                         - 80
Función 51 Infraestruturas                              596                   264                  - 332                         - 56
Función 54 Actuacións medioambientais       295                     90                  - 205                         - 70
Función 71 Dinamización economía  rural     409                   309                  - 100                         - 25
Función 72 Pesca                                            174                     54                   -120                          - 69
Función 74 Desenvolvemento empresarial     205                   103                   -102                         -  50
Función 9 Débeda Pública                              393                1.515              + 1.122                       + 285

Capítulo II Gastos en bens correntes           1.394                 1.388                     - 6                       -    0,4 Capítulo VI Investimentos reais                  1.462                    699                  - 863                      -  52
Capítulo VII Transferencias de capital        1.246                    546                  - 700                     -   56

miércoles, 8 de octubre de 2014

2014 ESTADO DA AUTONOMÍA

I- ONDE ESTAMOS

A Comunidade Autónoma existe para cumplir dous obxectivos. En primeiro lugar, defender a identidade de Galicia e dos seus intereses; en segundo lugar promover a solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego. Asi consta no primeiro artigo do Estatuto de Autonomía. 

Para este Grupo os problemas principais deste país son o paro, a pobreza e a desigualdade. Co actual goberno de Galicia , os tres problemas aumentan día a día e afectan á inmensa maioría dos cidadans. Sin embargo, non son as prioridades da Xunta. O demostran coas políticas, cos orzamentos, cos resultados, mesmo cos xestos.

O Presidente Feijoo, cando debe elexir, antes actúa como Presidente do seu partido que como Presidente de todolos galegos. Afronta os problemas do país mirando para os seus intereses electorais. Reiteradamente coloca a este país como unha filial da Moncloa ou da rúa Génova, esquecedo as necesidades propias. Faino co financiamento da autonomía perdendo recursos imprescindibles, polos intereses electorais do PP . Faino co mapa xudicial onde vostede aceptaba sete partidos xudiciais, o taxazo e a privatización dos rexistros civís. Faino con Navantia, defendendo os intereses do PP en Cádiz antes que cumplir alomenos unha promesa en Ferrol. Faino co sector eólico liquidado sen discutir alternativas, co sector agrario, etc.

Nos anteriores debates da autonomía, as  propostas principais de Feijoo foron:
2010. Concurso eólico, non subir o IVE,
2011. Control da débeda, lei do solo.
2012. Fusión de concellos
2013. Crecemento solidario que non esqueza a nadie

Non cumpriron nengunha. No 2014 o Presidente  propon mellorar a transparencia, con medidas que rexeitaron hai poucas semanas cando as propuso este Grupo. Propon un plan de emprego xuvenil que rexeitou hai un ano. Un plan para desempregados sen cuantificar. Un plan de reindustrialización prometido dende 2011, sen recursos e unha Lei do Solo sen acordo. Non podemos acreditar en compromisos tan incumplidos.

España é o país onde máis aumentan as distancias entre ricos e pobres. Tamén donde mais baixan os salarios. No último ano os 7000 galegos máis ricos incrementaron o seu patrimonio en 4800 m€, equivalentes ó 9% do PIB. Esa situación é un aldraxe para os 280.000 parados, para os 7000 perceptores da RISGA que viven con 400 euros, para os pensionistas, para os que viven co salario mínimo ou menos. É demoledor para as clases medias empobrecidas, desmoralizador para a xuventude.

II- A IDEOLOXÍA CONSERVADORA FRACASA CONTRA A CRISE

Para facer fronte á crise, aplicaron politicas de axuste fiscal e devaluación salarial. Dous coñecidos catedráticos galegos, Antón Costas e Xosé Carlos Arias, que as estudaron a fondo, as califican de ideolóxicas, literalmente de suicidio económico. En contraste con Estados Unidos onde políticas de estímulo da demanda tiveron resultados favorables.

Non resolveron o problema máis grave, a débeda, que non cesa de medrar. Nin resolveron a crise bancaria. A liquidez inxectada polo BCE recuperouna como depósitos dos bancos, sen repercusión na economía ou no crédito. Diante dunha nova depresión, con riscos de deflación ou estancamento prolongado, o BCE pide incrementar a inflación, como fixo Estados Unidos. Mesmo Alemaña e o FMI inician tímidamente outro discurso: investimentos públicos, emprego xuvenil, crecemento. E a Xunta?

O PP quería unha fonda desigualdade no reparto de cargas en beneficio das grandes rentas e patrimonios. Reduciron áreas do Estado de Benestar como sanidade, educación, formación laboral, investigación, fundamentais para o crecemento da economía a longo prazo e nas que unha longa interrupción provoca danos irreparabeis. Hoxe temos a débeda multiplicada, o consumo paralisado e o desemprego de longo prazo consolidado.

Non podemos competir exclusivamente en custos salariais. Necesitamos crecemento diferencial, acurtar distancias en capital humano, innovación, tamaño das empresas, custos enerxéticos, acceso ó crédito. Un exemplo, en Galicia o 42 % da poboación activa e o 54% dos parados, ten baixa cualificación fronte ó 15% dos principais países.

Hoxe temos 121.600 desempregados maís que no 2009, deles 20.300 na actual lexislatura. Con peores taxas de emprego e de actividade que España. Con 177000 ocupados menos. A décima parte das familias, 93700, teñen a todolos seus membros no paro. Traballan menos persoas, con salarios menores e precarización escandalosa.

INDUSTRIA

Perdimos 60000 empregos industriais un de cada catro e seguimos sen un Plan de reiundustrialización, prometido na Lei 13/2011, nin investimentos novos nin captación de capitais. Propon mobilizar 500 m€ pero no orzamento non figura nengun euro.

Baixaron a investigación a niveis de Turquía e Ucraína, en dirección contraria ás comunidades competitivas, reducindo proxectos, investigadores e masa crítica, algo que non se recupera fácilmente.
 
Liquidaron o sector eólico, coa suspensión de primas e a penalización retroactiva das instalacións anteriores a 2004. O concurso eólico está paralisado. Según as empresas, nin os parques serán construídos, nin os proxectos industriais asociados, serán desenvolvidos. Non haberá 14.000 empregos novos, nin 6.000 millóns de euros en investimento, nin ingresos por canon eólico e alugamento de terras. No ano 2013, Galicia só instalou o 2% dos MW eólicos de España.

A construcción naval baixou un 80% en tonelaxe e rebosa promesas incumplidas. O dique flotante irrenunciable co goberno Zapatero, agora é prescindible. Os compromisos de PEMEX, tan publicitados, cada día menguan.

Na actual lexislatura, o IGAPE non concedeu nengun préstamo e só nove avais. O orzamento baixou un 75%, de 345 millóns en 2010 a 82 millóns de euros neste ano. As axudas teñen mínima incidencia pola baixa contía. As empresas reclama máis axilidade e menos burocracia. Na captación de investimento extranxeiro suliñemos a irrelevancia de Galicia. Como na captación de talento.

AGRICULTURA
Lideramos o leite máis barato de Europa. 33 céntimos e contratos de tres meses na maioría das explotacións. A industria anuncia unha nova baixada unilateral. Cando os prezos estaban altos, demandamos aproveitar a coxuntura para estabilizalos. Rexeitaron todalas propostas. Mudou o mercado internacional e voltamos á casilla de saida. Neste último ano da cota láctea, os gandeiros teñen duas alternativas, ou pagar multa ou alugar cota a 7 céntimos/litro. O sector lácteo ten hoxe os mesmos problemas estruturais que hai cinco anos.

Estamos na vendima. Non hai nengun contrato asinado, nengunha negociación entre productores e adegas. Os viticultores entregan a uva sen prezo e sen garantía de cobro, en contra das previsións da Lei de Mellora da cadea alimentaria.

A mobilidade de terras agrarias resta competitividade das nosas explotacións. Seguimos á cola en Superficie Agraria Útil, a pesares do crecente abandono de terras.

A única política forestal segue sendo producir para pasta de papel. A valorización da nosa madeira é nula. Lideramos a produción de madeira, de menor calidade e prezo máis baixo.


PESCA

Nos últimos anos perdimos 4400 traballadores no Rexime Especial do Mar. Os problemas existentes como a falla de cotas ou o reparto discriminatorio, non se resolven. Temos barcos excluidos dos acordos pesqueiros con terceiros paises como Mauritania, ou baixo condicións insostibles, como en Marocos. A Unión Europea ameaza prohibir a pesca de arrastre. 

Na acuicultura nin un metro cadrado de actuación. O mexilón, dous anos en crise con peches continuados por toxina e proliferación de alertas alimentarias. A Xunta non amosa interese en fomentar a DOP e recorta os orzamentos para investigación.

Baixura e marisqueo, abandono total. Nun ano catastrófico pola sucesión de temporais a Xunta negouse a adoptar medidas paliativas. Os ingresos dos mariscadores están arredor de 450 €/mes. Aumenta o furtivismo pero retrasan as axudas as Confradías que asumen as vixianzas.

Privatizaron os Gardacostas, suprimiron o Seguro do Mal Tempo, e a póliza colectiva de accidentes, consecuencias :
a) Tempos de resposta ós accidentes no mar cada vez máis tardios e dispositivos de rescate máis descoordenados
b) Os temporais destruen as economías familiares que antes paliaba o seguro
c) As familias das víctimas quedan desprotexidas



INVESTIMENTO PÚBLICO

A principal Consellería investidora é hoxe irrelevante. En vivenda social, a Xunta no 2009 executaban 56 m€ , hoxe 1´5 m€. Paralisado o Plan Nacional de Vivenda. 500 vivendas públicas, dispoñibles para desafiuzamentos, ocupadas 33 pero 12000 galegos foron desafiuzados. 

Solo industrial, a Xunta dispon de 960 parcelas que totalizan 2´8 millóns de m2, ademáis do porto seco de Monforte e dos tres millóns de m2 da PLISAN de Salvaterra, onde so medra a herba. Fixeron un Plan é só colocaron o 4% das parcelas.

Modelo de residuos, insostible medioambientalmente e baseado no engano ós centos de miles de fogares que clasifican o lixo para que logo sexa incinerado ou soterrado indistintamente e baixo tarifas abusivas. En urbanismo nin un so dos plans previstos na directrices de ordenación territorial está en vigor.

FINANZAS PÚBLICAS

Reduciron o gasto público en máis de 1100 m€ anuais. Rexeitaron subir impostos ás rendas ou patrimonios mais altos e xeneralizaron taxas e repagos. Hoxe pagamos máis por menos. Maís pagos, menos servizos. Anuncian unha reforma fiscal que favorece abertamente ás rentas máis elevadas.

Voltaire, definía a arte de gobernar como despoxar da maior cantidade posible de diñeiro a unha clase de cidadáns, para transferila a outra. Estano aplicando  en favor dos ricos. Para a minoría rica, amnistía fiscal, inxusta e indecente. Quen defraudou, regulariza a prezo simbólico.

No 2009 a débeda representaba o 6.8% do PIB, hoxe o 17.1%. O custo pasou do 4 % do orzamento ó 20 % e no ano 2015 chegará a 10.500 millóns de euros, máis outros 3.000 m€ de endebedamento con empresas. É difícil falar de solvencia. Si hai deflación, será imposible reducila. A maioría das CCAA se financian en mellores condicións que Galicia. Dos novos 5.700 m€ dispoñibles recibiremos 122 millóns de euros, o 2 % dese total. 

  Falta eficiencia no goberno. Nos últimos tres exercicios orzamentarios deixaron sen executar un de cada tres euros de gasto productivo, 2.072 millóns de euros. E imos a peor. No ano corrente está sen executar o 82%. E con prioridades erróneas, exemplo, cen millóns de euros en informática da administración, cero euros en vivenda social, que crea emprego.

Aceptaron adiar o novo financiamento autonómico, resignándose a menos recursos para os anos inmediatos. Clamaban contra modeloo cando gobernaba Zapatero e chegado o momento, deciden prorrogalo. Non queren consensuar no Parlamento as necesidades financieiras coa axuda de expertos. Aceptan que o Estado minore as subvencións finalistas nun 60%. Con Zapatero, eran 570 m€/ano, con Rajoy 224 m€

Seguimos preocupados con Abanca. O FROB vendeuna por mil millóns de euros. Un ano máis tarde, os auditores indican que vale máis do doble. Non hai nada que explicar?. As retribucións dos membros do Consello de Administración son de 600.000 euros anuais. As perdas da banca sufragadas polos cidadáns cos seus impostos, os beneficios privatizados para uns poucos, o crédito pechado. E a Xunta entrega o monopolio da antigua obra social das Caixas a unha empresa, vetando de facto a presencia doutras. Como veta a esixencia de responsabilidades na esquencida comisión parlamentaria de investigación .

III- ESTADO DE BENESTAR EN LIQUIDACIÓN
 
SANIDADE

O sistema de saúde era modélico. Era universal, equitativo e gratuito, baseado nunha rede de establecementos públicos e no carácter subsidiario da asistencia privada mediante concerto. A presión progresiva de intereses mercantís, está alterando esos principios. A universalidade está cuestionada e a gratuidade quebrada coas taxas e copagos xeneralizados. A saúde comenza a ser un ben de consumo.

A presión empresarial está modificando a relación entre o sector público e o sector privado sendo o novo Hospital de Vigo o exemplo. Asistencia clínica pública prestada en instalacións privatizadas, con todolos servizos tamén privados, obrigando a un novo modelo de relacións asistenciais onde os facultativos terán que negociar con outros axentes as condicións da prestación.

Descapitalizan a sanidade pública. Eliminaron 460 m€ e 2000 postos de traballo. Pecharon definitivamente 275 camas hospitalarias. Paralelamente sustraen do sector público en beneficio da mercantilización, dende a investigación ata a historia clínica confidencial dos pacientes, pasando por todolos aspectos tecnolóxicos e distintos procesos de apoio. Porfian en fórmulas de xestión e retribución rexeitadas polos profesionais. Retroceden en Saúde mental, planificación familiar, atención de toxicomanías, mesmo na vacinación dos menores, recortan nos hospitais comarcais. Cada vez que falan de racionalizar, producese un deterioro. Exemplo, a central de compras, tamén privatizada, ten derivado en escaseza de material sanitario e abondosas queixas por retrasos e peor calidade.

Nos últimos 35 anos, o PP non quixo pactar nengunha norma educativa, sempre opostos a medidas igualitarias. É opinable a Educación para a Cidadanía. Pero non é opinable a evidencia internacional sobre a igualdade de oportunidades. Coa LOMCE insisten en modelos fracasados como a segregación temperá mediante probas reválidas ou vías mortas como a Formación Profesional Básica, que xa fracasou en 1970. Unha vía improvisada, sen recursos co único fin de maquillar as elevadas taxas de abandono.
Coa segregación temperá e irreversible e a reducción da cuantía das becas, volve a discriminación social pola orixe familiar, renta e capital cultural. Un teito de cristal inexorable para os menos acomodados.
A Xunta menospreza a excelencia no ensino. Os resultados PISA, aceptables globalmente, son preocupantes nos niveis máis altos. Por exemplo en Matemáticas. Non parece existir preocupación na Consellería. Como non existe preocupación diante do retraso ou fracaso escolar. Aos 15 anos, nove puntos maior que no País Vasco por exemplo.  Eliminaron mil douscentos profesores, suprimiron 400 millóns de euros, reduciron as axudas para libros e os recursos dos centros educativos.
O financiamento universitario, retrocedeu nove anos. Por exemplo a Universidade de Santiago perdeu 180 m€. Suprimiron 500 profesores e eliminaron investigadores. A contía das becas baixou.

A Xunta ignora a cultura. Pasou a ser un departamento decorativo. Industrias culturais e audiovisuais abandoados, creadores ignorados, patrimonio limitado ó eclesiástico, lingua silenciada, bibliotecas sen recursos. Nunca na historia da autonomía a cultura recibiu menos atención.

DESIGUALDADE SOCIAL E POBREZA

A depauperación da sociedade galega se resume nunha cifra: 534 m€ retirados dos orzamentos. Non existe unha rede asistencial privada que poida suplir a retirada dos poderes públicos. O esforzo benemérito de organizacións relixiosas ou laicas, que no último ano atenderon a 450.000 persoas, representa un oasis nunha paisaxe catastrófica. Unha sociedade igualitaria reclama unha rede pública que garanta a equidade e universalidade no acceso.

Precarizaron os servizos sociais dos concellos menores de 20.000 habitantes e recortaron dous terzos do plan concertado. Están impulsando a privatización e baixando a calidade e a especialización dos servizos. Impoñen taxas, copagos e menor cobertura no transporte para as persoas con dificultades de mobilidade, nos servizos de axuda no fogar, residencias e centros de día, escolas infantís, teleasistencia, etc.

Hoxe están atendidas menos persoas dependentes que hai tres anos. Incrementaron as listas de espera e duplicaron os copagos pero o gasto por habitante é inferior á media estatal. 17000 persoas con dereito recoñecido non reciben atención.

Qué lle ofrecen á xuventude? Nin traballo, nin salarios decentes, nin valoración do estudo. No seu lugar, emigración, subemprego ou paro. Por si os mozos non entendían, eliminaron as rendas básicas de emancipación e disminuíron a contía das becas. Así perdimos nunha xeneración, 118.000 persoas mozas, o 17% desa cohorte de edade. A capacidade desos mozos, no tramo máis productivo da sua vida, perdese.

A política de emigración desapareceu. Facenda está reclamando masivamente ós pensionistas emigrantes. Ignorando o acordo pactado nesta Cámara. Non actuan para evitar a dobre imposición. 

IV- DEGRADACIÓN DE VALORES

 A política debe estar presidida pola xustiza na distribución de cargas e beneficios e pola ética das actuacións. Da falta de xustiza na sua política levo expostos moitos datos. . Hai uns días o novo portavoz do Partido Popular declaraba que a corrupción é un problema individual.. Por desgraza é un problema estrutural que so pode abordarse con decisión, con estratexia, que esixe pactos e con visión de longo prazo. Permitiron crear no Parlamento, a instancias deste Grupo, unha Comisión de estudo pero vetaron que houbera acordos.

Non é creible que o pluralismo social se reflicta na Cámara con menos representantes. Nin é aceptable que a minoría do 40% goberne sobre a maioría do 60%

VI- CONCLUSIÓN
Só poderemos falar de recuperación cando os dereitos sociais sexan recuperados, os servizos públicos volten á normalidade, o poder adquisitivo das persoas permita un nivel de vida digno, cando os que tiveron que marchar poidan retornar, cando entrar no paro non siñifique unha condena, cando o ensino e a saúde volvan a estar baseados na igualdade