martes, 24 de diciembre de 2013

RETROCESO DEMOCRÁTICO

Maquiavelo deixou escrito que as persoas en situación de poder sempre actuarán segun a mezquindade do seu espíritu, no suposto de que teñan marxe dabondo para facelo.

Esa sentenza clásica admite duas interpretacións. Unha, que os gobernantes son inevitablemente corruptos. En sentido político, que toman decisións atendendo a preocupacións de facción, partido ou particulares e non polo ben común. Ésta é unha interpretación cínica, quizais a que teñen moitos cidadáns.

Pero Maquiavelo tamén permite outra interpretación: os gobernantes son intrinsecamente corruptibles. Ainda que poidan tomar decisións baseadas no ben común non debemos confiar en que o fagan si non existen trabas e controis ó abuso do poder. Ésta é unha actitude realista, que non cuestiona o que fan as persoas co poder, sinon o que o poder fai sobre as persoas.

Nada esixe tanta vixianza como o poder. Nas sociedades avanzadas esa función está cuberta en parte polos medios de comunicación e noutra parte pola capacidade de control da oposición política. A descarada publicidade que a Xunta insire nestas datas, con lemas e sen contidos, non sirve ás necesidades de coñecemento dos cidadáns sinon á influenza indirecta sobre os medios.

Un dos principios básicos da función de control é a transparencia, a accesibilidade á información, nun senso amplo: acceso ás decisións formais, pero tamén ós antecedentes, posturas das partes, intereses.

En Galicia vimos observando unha regresión do Goberno Feijoo. Cando a sociedade camiña na dirección de transparencia, cun notable precedente na lei galega 4/2006 e recentemente na lei estatal 19/2013, o goberno galego vai na dirección contraria.

As restriccións do goberno galego á información non son gratuitas. A oposición ten presentado centenares de peticións que foron desatendidas. Só o  grupo socialista presentou no último ano 334 solicitudes de documentación ó abeiro do artigo 9 do regulamento, que ordena a entrega da mesma por parte do goberno. Fican sen resposta máis de 150, o 45% do total.

Entre elas numerosos informes aprobados ou vistos en Consellos da Xunta. Sobre asuntos tan publicitados e tan relevantes económicamente como os contratos e intereses da empresa Pemex, as liñas de axuda do Igape, a empresa Pescanova ou sobre a auditoria de KPMG ás caixas de aforros. Igualmente negouse información sobre as empresas que aparecen no sumario Gürtel e que contrataron coa Xunta de Galicia, con presunto financiamento irregular en favor do grupo popular. Como tamén denegaron información sobre as contratacions do Sergas, nos anos nos que estaba dirixido polo señor Feijoo coas empresas do grupo de Marcial Dorado, unha escurachistoria que mancha a imaxe do presidente.

Esas omisions de información e outras moitas ofrecen unha imaxe preocupante: o que o goberno quere ocultar, ou ben compromete a sua honorabilidade, ou ben os documentos desminten os anuncios oficiais ou non teñen contido

Ainda hai máis. O Grupo socialista,  dende que goberna o sr. Feijoo demandou 90 comparecencias do presidente ou dos conselleiros. Nunca foron atendidas, como si as comparecencias do goberno foran graciosas e non debidas e os cidadans non tiveran dereito a coñecer e debatir as liñas de acción do goberno. A Xunta comparece so cando quere, para falar do que quere.

O Presidente Feijoo, como o sr. Rajoy, tentan reducir a democracia a unha forma limitada de control. Xa sabemos do seu noxo cara o Parlamento, en Galicia como noutras comunidades, e do noxo cara os Concellos, en favor das Deputacións, onde non hai cidadáns nin eleccións directas. Sabemos do temor a medios públicos de comunicación medianamente independentes, como evidencian os dous anos de retraso na reforma da Crtvg.

Dende hai cinco meses a maioria popular ten bloqueada a comisión de investigación sobre as caixas de aforros e tamén bloquea a comisión de estudo de medidas para a prevención da corrupción.

Actúan así por interese electoral, por cálculo cortoplacista, antepoñendo os intereses de partido ós intereses do Estado e da sociedade. É a mesma razón pola que Rajoy, que presuntamente tolerou sobresoldos irregulares, ignora os problemas da sociedade catalana optando por unha confrontación crecente que polariza a sociedade e produce crispación.