martes, 26 de abril de 2016

INVESTIDURA, ACTO III, FINAL

Non foi posible. Quizáis en Alemaña, Italia ou Portugal, si. A visión da política en España, tan cargada de grandes obxectivos, afirmacións indemostrables e promesas irreais, non facilita o lento proceso de acordos propio das coalicións. Posiblemente o propio perfil de varios dos principais actores, novos, sen experiencia de goberno, é unha dificultade engadida. Doutra banda, o  Congreso foi o escenario da nova política, moi xestual e nada efectiva. A política como espectáculo coas regras de éste: efectismo, visualidade, contraste, banalidade. A recente celebración do aniversario de Cervantes no hemiciclo produce sorpresa: si o Goberno non e quen a organizar unha homenaxe de altura, as Cortes non parecen saber moito máis que repetir tópicos. A cultura, casi sempre,  ausente da vida política.

En catro meses, ningun avance sobre os problemas básicos do país: o desemprego xuvenil, a crise do sistema de pensións, a reforma fiscal, Cataluña. Só un meritorio intento de acordo entre PSOE e Ciudadanos, recollido nun interesante documento de propostas. Os demáis grupos querían a repetición de eleccións. As enquisas avanzan un resultado semellante ó actual. Probablemente con pequenos matices que poden ser decisivos para unha nova maioría, que en todo caso será de coalición.

Algo debe influir na política española a herdanza do catolicismo, porque abusamos  do debate sobre absolutos. Así, o pleno emprego, a fiscalidade progresiva, a reforma constitucional. Pero a sociedade avanza con medidas reformistas, onde coincidan moitas opinións e non con maximalismos que pola sua natureza crean división e antagonismo.

Agora reiniciamos o ciclo de campaña electoral e negociacións de goberno para  abordar os problemas concretos en agosto, no mellor dos casos.