lunes, 28 de marzo de 2016

QUÉ FACER - I

FEBLES OPORTUNIDADES E FORTES AMEAZAS

Cuarenta anos de democracia, trinta e cinco de autogoberno e trinta na Unión Europea, teñen modificado fondamente o país galego. Trocamos unha economía dependente do sector primario, agricultura, gandeiría e pesca, pola terciarización común na contorna europea, e o país dos trinta mil núcleos de poboación por una sociedade urbanizada. Rematouse co aillamento secular mediante unha dense rede de infraestruturas avanzadas e co atraso educativo, ata igualar as taxas de universitarios propias dos territorios máis adiantados. Estamos plenamente incorporados ás pautas culturais da época, no consumo, na cultura, nas tendencias, superando a visión costumista de Galicia, tradicionalmente dominante alén de Pedrafita.

Subsisten, naturalmente, diferencias. No ranking territorial seguimos no grupo secundario. Todos melloramos, pero mantendo as posicións relativas. As nosas principais eivas podense agrupar en duas rúbricas. Dunha banda, as derivadas da nosa posición, periférica en España e ainda máis na Europa comunitaria. Certamente hai máis mundo que o bloco comunitario, pero está máis lonxe en todolos sentidos. O triángulo delimitado polo País Vasco, Madrid e Cataluña, está sendo tractor do desarrollo económico e da apertura exterior. O resto do territorio español está perdendo poboación, investimentos e dinamismo. Hai duas velocidades, tanto na UE como en España. Mesmo dentro de Galicia.

A segunda rúbrica agrupa os datos específicamente galegos. A demografía recesiva, o forte envellecimento, o despoboamento do interior, os movimentos migratorios. Debuxan un país en declive, que esmorece e abandoa o territorio. A nova emigración afecta precisamente as persoas máis cualificadas e na edade de procrear. Os movimentos da poboación documentados no Censo son incontestables tanto en cifras absolutas como nas tendencias.

Institucionalmente Galicia ven sendo un territorio moi estable. O autogoberno foi dirixido durante o 83% da historia democrática, por unha maioría absoluta conservadora. O tempo restante, un 17%, por gobernos de coalicións progresistas. Trinta anos de presidentes conservadores por seis de presidentes socialistas. Tamén as Administracións Locais, Concellos e Deputacións, tiveron gobernos estables de xeito maioritario.

No ano en curso coinciden varios factores novidosos. Unha lenta recuperación da crise económica, visible nas magnitudes macroeconómicas pero máis incerta no mercado laboral, salarios, contratos ou estabilidade. Un escenario internacional cheo de incertidumes, con ralentización do crecemento, turbulencias financieiras, crise das economías emerxentes, crise migratoria en explosión e conflitos en Oriente Medio co correlato de ameazas terroristas certas para os países europeos. No plano doméstico a maior inestabilidade institucional, consecuencia das eleccións xerais de decembro pasado e a crise de Cataluña, de difícil pronóstico. Ainda debemos engadir as eleccións autonómicas galegas previstas para outono e a posible repetición das eleccións xerais en xuño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario