miércoles, 30 de marzo de 2016

QUÉ FACER - III

OPORTUNIDADES FEBLES, QUE NON DESPREZABLES


A primeira, a xente, o capital humano. É un tópico, pero tamén unha evidencia. En ausencia de materias primas, ou de industrias punteiras en tecnoloxía alta, ou de vis atractiva para o investimento, o noso capital fundamental está no elevado nivel medio de benestar, na cohesión social, no nivel educativo, nos valores ainda compartidos. Demandamos, lóxicamente, o que ainda non temos, pero podemos valorar, comparativamente, o que temos para construir. A iniciativa so pode vir da xente. Ao sector público correspondelle crear as condicións para que agrome. Compre pois investir no capital humano: en educación, en idiomas, en excelencia. Recuperando o crédito, favorecendo realmente o emprendimento, eliminando trabas burocráticas, poñendo en valor os recursos. Tamén prestando atención ás novas demandas sociais, de vivenda social en aluguer que evite a inmovilización do aforro, demandas de conciliación que serán nichos de emprego, demandas de transporte público que poden favorecer a rexeneración urbana, etc. Cunha visión distinta, máis esixente sobre o noso territorio e a paisaxe, tanto urban como rural

O inicio da recuperación económica, ainda que sexa no nivel macro, ten xa un efecto positivo medido polas enquisas, aumenta a confianza no futuro. Sectores como electrónica, mecánica avanzada, aeronáutica, automatización ou biomediciña, están en condicións de competir no exterior, contando con centros de investigación e académicos e con empresas consolidadas. O Goberno galego debería definir unha política de apoio ás empresas, firme, cun nivel de recursos siñificativo e orientada á competitividade. Sen esquencer que no sector primario, con todas as dificultades coñecidas, segue existindo un potencial grande de crecemento, evidentemente cambiando de política: no agro, na gandeiría, na viticultura ou na silvicultura. Doutra banda as Comunidades do Noroeste necesitan unha visión territorial máis coordenada entre si, pois comparten problemas. A dinámica territorial non pode ser exclusivamente Estado-CCAA e menos ainda, Estado versus Cataluña e País Vasco.

A revolución urbana, chegada con tanto retraso, está baleirando o mundo rural. Alí permanece a terra sin que as políticas de mobilidade que incidirían por exemplo no custo de producción da gandeiría, teñan funcionado ata hoxe. Desarrollo forestal e industria alimentaria son sectores consolidados e con capacidade de medrar, a condición de abordar os problemas pendentes con enfoques máis modernos e contrastados noutros lugares.

A crise institucional tamén crea unha oportunidade. As demandas de exemplaridade na xestión pública, de revisión de prioridades no gasto, deberían de permitir a modernización das institucións, racionalizando gastos, reordenando competencias, revisando custos, explorando novas formas de xestión. Concellos e Deputacións, Xunta e Universidades, empresas e entes públicos, o frondoso sector público debería revisar pautas de funcionamento, avaliar os servizos que presta, favorecer a competencia, buscar sinerxias coa iniciativa privada.

Finalmente hai que sair fora. Si somos periferia da periferia, si temos dificultades para captar investimento, si non atraemos inmigrantes pero producimos emigrantes, non podemos agardar. O noso futuro, como acontece con tantos países de pequeño tamaño, está no exterior. No mercado comunitario pero tamén na América da diáspora onde existe un tecido empresarial en mans de emigrantes de segunda ou terceira xeneración que pode ser fiestra de oportunidade nun itinerario de doble dirección. Cultura propia e marca-país existen, so falta poñelos en valor o servizo dunha estratexia ambiciosa, profesionalizada e con obxectivos nidios. Tamén os países emerxentes ofrecen oportunidades. Entre outros factores necesarios compre ter unha política marítima, que poña en valor as radas portuarias, capte tráficos, desarrolle a contenerización e o tráfico de mercadorías de maior valor, como compre unha política aeroportuaria menos queixosa con Oporto e máis atenta ós obxectivos propios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario