martes, 29 de marzo de 2016

QUÉ FACER - II

AMEAZAS FORTES

Unha somera análise DAFO, indicanos que o primeiro problema do país galego é a insuficiencia de oportunidades de emprego. Actualmente o número de persoas empregadas e de persoas cotizantes á Seguridade Social, é menor que no pasado, mentras o número de pensionistas medra vertixinosamente. O número de parados é maior e deles unha elevada porcentaxe son de longa duración e polo tanto de difícil reinserción. Os contratos asinados, abrumadoramente temporais, duran poucas semanas, coñecen unha elevada rotación e reciben baixos salarios. Da incapacidade da economía galega para crear emprego, abonda cun dato. Casi a cuarta parte dos asalariados galegos traballan directamente para a Administración, seis puntos máis ca media española. A crise casi endémica de sectores relevantes no emprego como a industria naval, o leite ou a pesca, indican que ainda non tocamos fondo. A industria perdida durante a crise terá difícil recuperación. A construcción, noutrora acolledora dun elevado volume de traballadores con baixa cualificación, desapareceu. Sectores con potencial crecemento como o forestal, a industria alimentaria ou o turismo, arrastran problemas estruturais.

A política económica desarrollada pola Xunta de Galicia ten fracasado. Tiña como norte controlar o déficit fiscal, sacrificando o investimento público, o gasto social e as políticas sectoriais. Tamén o gasto en I+D. Partindo dunha concepción restrictiva da xestión pública, as principais actuacións foron dirixidas a reformular o Estado de Benestar, introducindo criterios de copago e de externalización dos servizos. Uns e outros fortemente contestados e de dubidoso futuro. Hoxe Bruxelas esixe novos recortes por importe de 9000 millóns de euros mentras o déficit estatal segue sendo elevado. Nestes anos o aumento de productividade empresarial foi consecuencia da devaluación salarial e non do investimento de capital ou tecnoloxía. E o peso da débeda pública será unha lousa para futuros gobernos.

Os informes internacionais alertan do retraso de Galicia nos indicadores de competitividade. Tamén nas facilidades para crear ou desarrollar empresas. A elevada producción lexislativa do Parlamento galego, ten carácter marcadamente burocrático e impacto mínimo na economía real.

É sabido que o cativo tamaño das empresas galegas dificulta tanto a internacionalización como a innovación. De feito as duas empresas principais, Citroën en Vigo e Inditex na Coruña, son responsables de dous terzos das exportacións. Doutra banda non abonda con exportar máis, debe lograrse superávit no saldo de intercambios. Xunta e tamén empresarios non foron quen ata agora de cambiar esa situación de xeito perceptible. Mesmo, en ocasións, a iniciativa política foi letal para as empresas, como no sector eólico, hoxe paralizado pola reforma eléctrica.

Unha ameaza distinta ven representada pola propia posición periférica. O relevante impulso das infraestruturas, autovías, estradas, ferrocarril, portos, que recibiron un investimento estatal sen precedentes, non está sendo acompañado de iniciativas de posta en valor. Dificultades para captar investimentos empresariais do exterior cando existe unha notable oferta de solo empresarial, funcionamento burocrático dos principais portos, pouco activos na captación de tráficos de alto valor engadido e de investimentos. Inexistentes políticas ferroviaria e aeroportuaria.

Nos últimos sete anos, o goberno galego non tivo interés en impulsar unha política empresarial consistente e de longo prazo, nin en abordar ou paliar o desemprego. Non existe unha política exterior digna de tal nome. No seu lugar abondosos discursos sobre a eurorrexión, a macrorrexión ou Europa que non foron acompañados en ningun caso de políticas rigurosas e sostidas no tempo. O impulso limitouse ó discurso e á propaganda.

Unha terceira ameaza é de oportunidade. A crise institucional con Cataluña, cuestionando o Estado actual e como consecuencia o marco económico e social, relega o peso dos demáis problemas territoriais. Calquera solución para aquel territorio que implique incremento de recursos propios, será en detrimento das Comunidades que son receptoras netas, Galicia entre elas. O debate suscitado por algún grupo político sobre o custo-beneficio do AVE para alguns territorios, é un indicio do que ven. Na deriva do problema catalán hai un punto de partida: a reinvindicación de maior autonomía fiscal ou, noutros termos, de minorar o criterio de solidariedade entre territorios. As fórmulas para resolvelo abarcan dende un sistema semellante ó cupo vasco ata un incremento de transferencias ou de investimentos. Pero na suma final, o gasto público do Estado terá que ser redistribuido á baixa. Sin entrar a considerar a inevitable reforma do sistema de pensións, pola vía do gasto ou pola vía do ingreso mediante novas figuras impositivas que tamén incidirán nos recursos dispoñibles.

Si as duas primeiras ameazas citadas, mercado de traballo ou situación periférica deben de ser abordadas polo autogoberno cos axentes económicos mentras a terceira, Cataluña, depende da política estatal, a cuarta ameaza está en nos: a feble sociedade civil. Un peso tan elevado da Administración no emprego e na distribución de axudas, fronte a institucións empresariais, culturais ou sociais de pequeno tamaño agás excepcións, non favorece que agromen iniciativas. Nin de carácter emprendedor, nin de organización social, nin como grupos de presión. Ese desequilibrio entre un sector público grande pero pouco innovador e un sector privado heteroxéneo e con poucos referentes, afecta a tódalas esferas da sociedade: medios de comunicación, universidades, organizacións non gubernamentais, entidades empresariais ou sociais, etc. É un bucle de retroalimentación na dependencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario