viernes, 21 de mayo de 2010

GALEGO


A Xunta de Galicia ven creando unha polémica, moi artificial, arredor da lingua galega, do seu uso, da aplicación no ensino, e das medidas políticas que pensa adoptar. O pasado día 17 de maio o presidente da Xunta solemnizaba a vontade de acadar un pacto lingüístico. Tres días máis tarde apróbase un novo Decreto sen consultas previas, logo dun ditame contundente do Consello Consultivo e das numerosas emendas de órganos varios, mesmo do Consello Escolar de Galicia, principal institución participativa do mundo educativo.
Descoñecese o texto do Decreto. A información oficial fala da introducción de 50 cambios sobre o borrador de decembro, entre eles un moi importante: a supresión da consulta ás familias no ensino primario e secundario, como consecuencia do informe do Consello Consultivo. Con toda seguridade se este órgano tivera sido consultado na elaboración da Lei de reforma das caixas de aforro, teríanse aforrado o palmetazo xurídico do Consello do Estado e a posterior suspensión da Lei polo Tribunal Constitucional.
Do inglés, (¿lembra alguén o compromiso de ensino trilingüe?), nada se fala, porque nada se fai e nada se fará nun contexto de redución do gasto público en educación. A modernidade de Feijóo dura un titular xornalístico. Nin ten obxetivos, nin conviccións, nin vontade, nin recursos.
¿Qué innova o Decreto? Probablemente algún cambio puntual nas asignaturas que son impartidas en cada lingua. Poderán existir lectores perplexos diante dos cativos cambios. ¿Era necesaria tanta polémica? A resposta é doada. Núñez Feijóo e o Partido Popular teñen decidido manter vivo o debate sobre a lingua, no plano político e con obxetivos electorais.
Porque nada se fixo para buscar un acordo amplo, nin siquera foi intentado. Prométense novas consultas no futuro e cabe lembrar a súa perfecta inutilidade. As familias ou son consultadas para que a súa vontade sexa respetada, e iso esixe unha solución previa de división de tódolos centros de ensino en seccións paralelas segundo o idioma escollido, ou ben as minorías sometense ás maiorías, camiño absurdo no mundo educativo e escasamente democrático. Pois nunha sociedade avanzada os cidadáns sometense ao imperio da lei, non ás decisións de grupos informais; máis aínda, a lei existe como garantía do respeto ós dereitos das minorías. Por iso Feijóo equivócase cando se envolve na bandeira da demagoxia. Semella evidente o intento do Goberno de trasladar a toda a sociedade, a través dos seus fillos, unha inexistente polémica social, coa intención de crear unha tensión que permita ó Partido Popular un discurso catastrofista.
Mentras, Feijóo goberna pouco. Entre os ataques ó Goberno de España, á anterior Xunta, á oposición e as declaracións solemnes, queda pouco tempo para o funcionamento cotián da Administración. Comenza a existir unanimidade na diagnose: apenas hai resultados no primeiro ano de xestión. No ensino, menos que iso, hai un claro retroceso en medios, en obxectivos e mesmo en prudencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario