viernes, 30 de noviembre de 2012

INVESTIDURA

De novo foi investido Núñez Feijoo como Presidente de Galicia. Non houbo sorpresas nas votacións nin nos discursos. Fronte a unha oposición máis feble e dividida que nunca, o candidato nin se tomou a molestia de deseñar un programa de goberno. Lugares comúns, envoltos en retórica, frases de mercadotecnia, silencios clamorosos. Feijoo adoita presentarse como un tecnócrata, un xestor eficiente, cando se limita a aplicar o vademecum da dereita europea  "neocon": menos Estado, reducción do sector público, populismo apenas disfrazado para crebar o debate político e a representación electoral.

Énfase en negociacións non rematadas no sector naval, nas moitas axudas que prestan ás empresas, en todo caso notablemente inferiores en cuantía ás do goberno anterior e sobre todo invitacións ó pacto. Ata oito temas foron propostos como escenarios de acordos políticos: urbanismo, rural, forestal, fusión de concellos, etc. Unha oferta que, coñecendo os antecedentes, ten pouco recorrido ainda que deberá ser esgotada.

Sempre en Feijoo a forma supera o fondo. Medidas administrativas menores son elevadas a categoría trascendente, coa complicidade dos comunicadores. Así unha pequena supresión de organismos, case todos sen actividade, é presentada como unha loita decisiva contra o déficit. Mentras a Comunidade duplica o endebedamento financieiro. Unha reducción simbólica de alugueres é noticia, pero a sinatura sen publicidade dun convenio de 18 millóns de euros coa patronal, pasa desapercibida. Protocolos de intencións con PEMEX son presentados como contratos en firme, pero o que depende realmente da Administración como o dique flotante de Navantia, é adiado sine die.

Do lado da oposición a situación do primeiro día repetirase. AGE presenta un discurso de descalificación global, moi ideolóxico, mentras omite calquera proposta concreta. Os demáis grupos tratan de levar ó candidato a debatir problemas concretos e urxentes na sociedade actual. Esforzo inútil. Uns e outros son despachados displicentemente polo candidato que non considera necesario concretar propostas ainda que si abondar na descalificación dos seus opoñentes e dos grupos políticos que representan.

A dereita galega non é diferente das dereitas europeas que gobernan hoxe. Pretenden introducir mecanismos de mercado na provisión de servizos públicos, reducir o tamaño do sector estatal, modificar as políticas de igualdade de oportunidades en favor da competencia permanente e aplicar o esquema das empresas multinacionais: menos dereitos, menos oportunidades, menos salarios, menos custos. As persoas son contempladas como mercancías no libre xogo dos mercados desregulados. Dito así, sería inadmisible, pero é a traducción práctica do que onte foi envolto como austeridade, rigor, eficiencia.

1 comentario:

  1. Como sempre lamentable Feijoo. Agora, que nos diga, entre el e La Voz onde están os contratos de PEMEX.
    A imaxe de xestor a forxou notablemente cun estilo impecable aderezado polos medios de comunicación que el mesmo financia, iso sí todavía non acadou para este país apenas un ínfimo éxito.

    Saudos. Miguel Fdez

    ResponderEliminar