martes, 14 de febrero de 2012

LEI DA SELVA

Os conservadores teñen presa. En mes e medio alteraron por completo o marco de relacións laborais establecendo o despido libre, crebando a forza sindical e deixando á vontade das empresas a fixación dos principais acordos: salarios, horarios, lugares de traballo.

Fronte ó modelo de concertación vixente en España dende os Pactos da Moncloa e reeditado noutros numerosos acordos, as empresas poderán dictar as normas. Só coa precariedade laboral derivada dunha forza de reserva de catro millóns de parados, pode entenderse este ataque que fai realidade os soños das patronais dende hai moitos anos. Efectos inmediatos: rebaixa xeral de salarios, despidos en aumento, precarización máxima, persecución sindical. Voltamos ás épocas máis duras do movimento obreiro.

Tódalas reformas, como xa pasou en Grecia ou en Portugal, recaen no traballo, nos asalariados e nas clases medias, en proceso de empobrecemento acelerado. Aforros investidos en activos con menos valor, como as vivendas, productos financieiros engañosos vendidos con información sesgada, desprotección social, incremento de custos , copago..., todo o recetario ultraliberal en marcha.

Os dereitos dos traballadores quedan limitados ás indemnizacións. A difícil e longa construcción do Estado de benestar, feita coas cotizacións sociais e tamén cos impostos, está sendo liquidada con febles argumentos.

Compre reaccionar. O Goberno debe entender que a maioría política non autoriza calquera política. Porque nin están sendo penalizados os malos administradores das entidades financieiras, senón premiados, nin está previsto reclamar administradores eficientes nas empresas, que eviten a entrada en perdas como excusa para minorar plantillas. A protesta debe ser contundente pero tamén argumentada e con alternativas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario