jueves, 8 de mayo de 2014

MODELO DE CRECEMENTO

O modelo de crecemento adoptado polo goberno Rajoy, secundado pola Xunta de Galicia e respaldado por Bruxelas, está ben definido. Devaluación das rentas salariais, precarización do traballo, temporalidade e rotación, estado de benestar mínimo e incremento da desigualdade.

Os datos deste mes tando da EPA como do paro rexistrado, ratifican esa interpretación. Máis do 90% dos novos contratos son temporais, en moitos casos por horas ou como autónomos, en ocupacións de baixa cualificación, como hostelería e servizos de ocio. En Galicia, paralelamente, as persoas que desaparecen do paro rexistrado, non están afiliadas á Seguridade Social, ben por estar na economía sumerxida, por ter desistido ou emigrado. Así temos un número menguante de cotizantes e un colectivo enorme de desempregados, sempre dispoñibles baixo retribucións progresivamente menores.

Non é casual que na pasada semana a presidenta do Círculo de Empresarios reclamara abaratar o salario mínimo interprofesional e o despedimento. Saben que é posible apretar ainda máis nas condicións laborais, nun modelo final semellante ó chinés. Que a cualificación dos desempregados sexa moi baixa, facilita o proceso. Lembremos que tres de cada catro desempregados non teñen o título de ESO, e que o abandono escolar en España duplica ó da UE.

Nese camiño, as clases medias baseadas na seguranza no traballo, nas rentas derivadas do coñecimento ou da especialización, son tamén crebadas en beneficio dunha maior desestructuración (oficialmente “liberalización”), incremento indefinido dos horarios e decremento paralelo dos rendimentos. A dereita europea, maioritaria na Unión, reclama máis restriccións e incrementos da fiscalidade indirecta. A desigualdade acelerase.

No hay comentarios:

Publicar un comentario