jueves, 15 de octubre de 2015

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA- I

(posición do Grupo Parlamentario Socialista, expresada por este Portavoz)



 Sr. Presidente:
Hai un ano dixemos que o goberno estaba esgotado. A semana pasada deunos a razón cambiando a metade da Xunta. Hoxe recoñeceu ter escoitado  o clamor da xente e anunciou un paquete social. Benvida sexa a rectificación. Durante seis anos destrozaron a esperanza de tantísimas persoas golpeadas pola crise, agora reclama fe no futuro mentras ofrece caridade en forma de subsidios múltiples. Moi eclesiástico, tanto como o ataque á igualdade que exemplifica este goberno, catro mulleres de once membros.

Con todo o respeto debo dicirlle que a súa credibilidade está perdida. Demasiadas promesas incumpridas, de creación de emprego, de investimento, de recuperación. Tendo maioría absoluta en casi todas as institucións do Estado e de Galicia,  decidiron escoitar pouco e mandar moito.   Aprobaron sen dificultades as leis e normas que querían. Durante anos vostedes dixeron que viviamos por  riba das nosas posibilidades. Agora moitos viven por debaixo das súas necesidades.

BALANCE
A  fenda  entre unha minoría beneficiada e unha maioría perxudicada, é maior que antes. Empobreceron as clases medias por primeira vez na historia moderna. Racharon co principio de que  cada xeración debe mellorar en rendas e  oportunidades. Moitos galegos viven hoxe peor que os seus pais sabendo que os seus fillos poderán estar aínda peor, con salarios insuficientes, traballo precario, con pensións en risco e prestacións sociais minguantes.

Hoxe  esforzarse no estudo, non é garantía de  traballo. Nin traballar garante un salario suficiente para vivir. Nin pagar impostos garante servizos públicos de calidade. Logo destes anos,  a situación económica segue sendo incerta. A situación laboral, lamentable. O retroceso da calidade de vida, enorme. Teño que dicirlle unha vez máis que a recuperación ou é xusta para a maioría, ou non é recuperación. É falso que teñamos que elixir entre economía e  benestar como é falso que non podamos garantir dereitos sociais conquistados.

FRACASO DA  AUSTERIDADE
Rajoy, vostede, e o Partido Popular, decidiron unha estratexia económica, que chamaron “de austeridade”. Dixeron que a economía do país era como unha familia que tiña que pagar débedas reducindo gastos, esquecendo que o gasto público xera ingresos para as persoas, directos e indirectos. A crise foi pagada polos asalariados e os autónomos. Por unha dobre vía: a devaluación salarial e a restrición das prestacións do Estado de Benestar, xa foran pensións, subsidios, medicinas ou becas. Os resultados son notorios. Neste momento o beneficio bruto das empresas é máis elevado que antes da crise, máis incluso que antes da entrada no euro. Polo contrario os salarios retrocederon 20 anos.

Ofreceron ás empresas condicións laborais máis laxas e baixada de impostos, mentres os salarios sufrían a presión fiscal. Por cada cen euros de valor engadido producido, o factor traballo perdeu nove. A  produtividade mellorou pola devaluación salarial, non polo investimento de capital, conxelado ata este ano.

A devaluación interna é insostible. Non hai futuro  competindo con salarios baixos e precariedade laboral. Sobran países competidores con custos inferiores. Nin  é sostible fialo todo ás exportacións e o saldo comercial favorable, sen unha aposta máis forte polo valor engadido, algo que non está ocorrendo. Nin cabe confundirse cos   efectos coxunturais de políticas alleas,  como a depreciación do euro, a caída do prezo do petróleo ou as axudas do Banco Central Europeo.

PARO + PRECARIEDADE
Vostede, logo de seis anos, é o Presidente do paro. Temos  250.000 parados, un cuarto de millón. 90.000 máis que cando vostede chegou á Xunta, no 2009. Porcentualmente nestes anos o paro aumentou o dobre que en España mentras  perdemos o dobre de empregos. Temos menos poboación activa, menos poboación ocupada, menos cotizantes á Seguridade Social.  Perdemos a cuarta parte dos empregos industriais e  do emprego agrario. En 90.000 fogares, un de cada dez, só viven parados. Ese é o seu retrato e o seu balance.

Non son datos. O paro ten rostros. Son persoas que necesitan vivenda, alimentación e vestido, con cargas familiares. Teñen dereitos  e deberían de ter unha esperanza  que vostedes lles negan.  Seis de cada dez non cobran desemprego. Máis da metade  son crónicos de longa duración, perderon as prestacións. A Risga chega a unha minoría. Vostede creou unha nova clase social  de excluídos. En lugar de afrontalas causas, consagran a exclusión co asistencialismo a grande escala. Un círculo vicioso, máis axudas e máis xente estigmatizada coa pobreza.

A pesar da propaganda, o paro apenas cede. A diferencia doutros países,  iníciase a recuperación con paro moi elevado. Segundo o último informe de ABANCA sobre a Economía galega, para baixar do 10% de paro deberíamos medrar 16 puntos máis. Coa súa política non parece probable. O   ano pasado medramos medio punto, a terceira parte da media española. A cantos anos fían a recuperación, Sr. Feijoo?

Vostedes mentiron gravemente. Prometeron que a reforma laboral remataría coa precariedade. Foi ao revés. Os novos contratos son case sempre precarios.  A duración media é de 54 días. A cuarta parte duran menos dunha semana. A metade dos mozos que traballan están en precario.  A metade dos asalariados galegos gañan  menos de mil euros, e un terzo gañan menos do salario mínimo. Pode facerse unha idea de cómo se vive con esos salarios? Das renuncias que eso implica?  Porque nós, si.

PENSIÓNS EN RETROCESO
Baixos salarios máis precariedade terán consecuencias nas pensións. Están liquidando o Fondo de Reserva mentres baixan os ingresos por cotizacións. Non é difícil prever cara onde nos levan. Temos as pensións máis baixas do Estado, conxeláronas por lei e as desvincularon do IPC, restando  poder adquisitivo. Os emigrantes pensionistas son un  exemplo extremo de insensibilidade. Tiveron que protestar durante dous anos para que o goberno comezara a corrixir actuacións inxustas e desproporcionadas. E aínda quedan miles de casos sen resolver.

CRISE DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS
Gastamos menos en dependencia que a maior parte das comunidades e temos unha lista de espera maior, con 27.000 persoas. Só neste ano, mil persoas co dereito recoñecido morreron antes de  recibir prestacións. Reduciron a demanda revisando de oficio os beneficiarios e creando un laberinto burocrático para desanimar os solicitantes.

Recortaron 800 empregos en centros sociais, reduciron orzamentos e subiron as taxas   obrigando a moitas persoas a abandoar residencias e centros de día. Favorecen a privatización,  concentrada en catro empresas, mentres  dificultan que as entidades de iniciativa social poidan xestionalas. As ratios de prazas residenciais para persoas discapacitadas, centros de día, residencias de maiores, son peores que a media do Estado.

Son algúns datos da situación social. Contra iso vostede ofrece discursos pero non recursos. O  gasto social baixou 1.150 millóns de euros anuais. Por iso moitos galegos votan cos pés, marchando do país. Fundamentalmente persoas novas e cualificadas, agravando a sangría demográfica. Vostede quede frenala recuperando un cativo cheque-bebé. Agora o vilipendiado Zapatero é o seu modelo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario