XUNTA
INEFICIENTE
O
seu goberno funciona pouco e mal. Vostedes clamaban contra a
débeda que herdaron. Eran 4000 m€, e a incrementáron
un 250%, ata dez mil millons. Máis 1.500
m€ do hospital de Vigo. A execución orzamentaria no pasado ano foi das peores de España, cinco puntos menos
da media. Simplemente igualando esa media o PIB galego igualaría á
media española. Non o fixeron e tivemos o peor dato de crecemento.
Levamos seis anos con investimento mínimo.
Paralizaron todo tipo de proxectos en
estradas. Unha lista interminable, en todos os puntos cardinais. Resúmese nun dato, baixaron un 93% en
licitación. Esqueceron, unha vez publicitado, o Plan Move, no que prometeron
investimentos e miles de empregos, como no concurso eólico. Respaldan a
ralentización do AVE, que atrasa investimentos e segue con tramos indefinidos. Non avanzaron
nos accesos ferroviarios aos portos de interese xeral. Os
aeroportos seguen coa descoordinación habitual.
MOBILIDADE ABANDOADA
Logo de seis anos debería de
explicar por que temos os carburantes máis caros que no resto de España,
consecuencia en parte do recargo da Xunta. Ou por que as tarifas da autopista
son das máis caras de España, para transportistas e para viaxeiros. Para iso prorrogaron a privatización ata
2048?
Non están por mellorar as condicións
de vida e de traballo das persoas.
Suprimiron rutas e frecuencias no transporte público, adiaron
indefinidamente o metro lixeiro das cidades, paralizaron a intermodalidade. Non
integraron liñas de transporte urbano e interurbano en ningunha área
metropolitana, nin crearon estacións intermodais.
NIN URBANISMO NIN VIVENDA
Fixeron unha lei de estradas e ao ano seguinte cambiárona por completo.
Aprobaron as Directrices de Ordenación
do Territorio e tres anos despois non aprobaron ningún dos plans previstos, que
nin están redactados. Propoñen unha Lei do Solo, totalmente insuficiente e
que non arregla a situación dos milleiros de persoas que viven nos núcleos
costeiros tradicionais. O goberno Rajoy
legalizou once áreas na costa española, mesmo algunhas dubidosamente
históricas, pero esqueceron todas as
galegas. Vostede calou e aceptouno.
É difícil pensar que
vostedes traballan para o interese xeral e non para a suma de intereses
particulares. Nestes anos, 12.000
familias foron desafiuzadas por impagamento
do aluguer. Vostedes non iniciaron ningún programa de construción Nin desenrolaron o Plan Nacional de vivenda.
Mesmo abandoaron a rehabilitación do parque existente.
SANIDADE, MÁXIMO MALESTAR
O malestar coa política sanitaria estivo
moi presente neste Parlamento diante da
súa indiferencia. Multitude de protestas masivas como non se deron en ningún
outro problema. Conflitos por recorte de
dereitos, redución de medios humanos e clínicos, privatizacións. Cando vostedes
chegaron había un sistema modélico a
escala mundial. Totalmente sostible
financeiramente. Empeñados en abrir portas ao negocio, estano
transformando aceleradamente. Hoxe a sanidade é menos pública, menos universal,
menos gratuíta. Consecuencia de suprimir máis de 400 m€ anuais e reducir
plantillas. De privatizar servizos a grande escala e introducir copagos. Mesmo
restrinxiron o acceso a medicamentos imprescindibles para a hepatite ou as
vacinas. Anuncian cheques para pañales pero eliminan pediatras.
Triplicaron o custo
do hospital de Vigo, unha operación na que só gaña a empresa adxudicataria.
Perden os doentes, os vigueses, os profesionais, a Administración. Din que
tiveron un problema de comunicación en Vigo.
Equivócase, os cidadáns entendérono perfectamente e por iso se
manifestan. En cambio, a medicina privada vive un momento doce. Medra en
pólizas e primas, crean novos servizos.
Os cidadáns están asumindo que o sector público xa non cobre as súas
necesidades.
Unha política alternativa
na sanidade é posible. Recuperando o nivel de recursos económicos e humanos.
Rematando coas privatizacións. Respectando os profesionais. Asumindo o
financiamento publico dos fármacos hospitalarios.
TRANSPARENCIA INSUFICIENTE
Na loita contra a corrupción necesitase máis cun cambio lexislativo. Deben
cambiar as actitudes. Sobre a transparencia, escribiu Bentham, “canto máis te observo, mellor te comportas”. Aínda
estamos agardando documentación ou explicacións de asuntos que afectan ao seu
entorno persoal e ao Partido que dirixe. Asuntos que están en sumarios xudiciais cheos de declaracións
sorprendentes.
Decía Jefferson que
a arte de gobernar reducese á arte de ser honesto. Honestidade é tamén desvelar os
intereses presentes na política sanitaria, por exemplo nos concursos dos
hospitais ou das ambulancias. E os intereses das empresas adxudicatarias de
obras e concesións coas que logo comparte mesa.
GALICIA MINÚSCULA
Un ano
levan os seus pedíndolle que se
presente de novo. E un ano leva vostede
fuxindo do compromiso, mentres se
postula como sucesor de Rajoy en tertulias e tribunas. Comprendo a súa
resistencia. Sabe mellor que ninguén as hipotecas
enormes que deixa. O que non é comprensible e que elixira desempeñarse como xefe político antes que como Presidente. En cada problema
onde as necesidades do país reclamaban solucións propias, vostede cedeu coma se
fose o Delegado do goberno e non o líder dun país. Na reforma eléctrica, no leite, na pesca do cerco, na lei de costas, abandonou os seus concidadáns para alinearse
co seu grupo político. En ningún deses problemas intentou propoñer
solucións, aunar vontades, prever o futuro.
É triste dicilo, pero
calquera dos Presidentes anteriores tiña unha idea máis clara do carácter
singular da autonomía galega. Non abonda con chamarse nacionalidade histórica,
hai que exercer como tal. Con vostede Galicia está en minúsculas dentro de
España, ten un peso irrelevante no Goberno central.
ESPAÑA: SEN VISIÓN GLOBAL
Vostede é dirixente nacional do PP.
A sua política territorial é acudir
constantemente ao Tribunal Constitucional. O goberno Aznar foi o doble de veces que o goberno Zapatero. En catro
anos, o Goberno Rajoy xa foi máis veces que o anterior goberno en oito anos. É imposible que un Estado complexo e plural
funcione nos Tribunais. Entendemos que é dificil entenderse con Gobernos
empeñados na ruptura. Pero na medida en que están lexitimados polas urnas só
caben solucións políticas baseadas no diálogo, na cooperación e no mutuo
interese. Substituílas pola forza da lei exclusivamente, non é o mellor camiño.
Lembre a Montesquieu, “unha cousa non é
xusta polo feito de ser lei, debe ser lei porque é xusta”.
O rupturismo vén do Goberno catalán, non da
sociedade. Unha comunidade que representa o 20% do PIB español e o 16 %
da poboación merece algo máis que acoso institucional. Azaña
que sabía do que falaba pois viviu sendas proclamacións de independencia de
Maciá e de Companys, defendía que “unha
política intelixente pode crear formas satisfactorias de convivencia nacional
utilizando a razón creadora que non está reñida coa tradición española”.
O PP optan por rachar pontes de diálogo
que tiñan décadas e que agora haberá que reconstruír nun escenario máis
polarizado e con maior desconfianza como ven de decir Pedro Sánchez. Coacción e ameazas
nunca son solucións. Non abonda con
explicar o frío de fóra, hai que facer sentir o calor de dentro.
TEMPO DE CAMBIAR
Vostede leva moito tempo
mirando cara atrás. Montaigne escribiu
que “podemos lamentar non vivir en tempos mellores pero
non podemos fuxir do presente”. O pasado é territorio da historia, a política
faise no presente.
Vostede fala para os seus e para a minoría privilexiada da que quere
formar parte. Nós non queremos esa sociedade.
Os socialistas defendemos unha política con
prioridades distintas. Que non deixe a
ninguen atrás.
Que acabe coa precariedade
e a devaluación salarial, derrogando a reforma laboral
Que apoie a industria, con máis financiamento e innovación para competir en
valor engadido e non en baixos salarios.
Con máis gasto
educativo, máis becas, mellor Formación
Profesional, políticas de emprego máis eficaces e apoiando a reinserción
laboral dos mozos.
Que devolva aos cidadáns en
forma de servizos públicos e prestacións o que aportan en traballo e impostos.
Cunha reforma fiscal
progresiva, sen amnistías.
Galicia necesita outra
política. Hoxe quedou demostrado que con vostede nin foi nin será posible. É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento
de cambiar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario