viernes, 16 de octubre de 2015

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA-II



FISCALIDADE REGRESIVA
O Partido Popular é  abandeirado da desigualdade. E o seu sinal de identidade. Fixeron unha reforma fiscal regresiva, á medida das rendas máis altas. En Galicia as rendas baixas e medias pagan máis impostos que a media estatal mentras as clases altas pagan menos que a media.

Agora baixarán dous puntos no IRPF. Será porque hai eleccións ou  porque non necesitan ingresos ?  Pode explicar cantos médicos poderían contratar con ese aforro ou cantas prazas en centros de día deixarán de atender? Serán da totalidade da declaración ou dos doce mil primeiros euros? Linealmente  para os que máis gañan como para os que menos.? E nada para os que  non tributan por renta pero soportan taxas, copagos, novos impostos na factura da luz e do gas, da auga e do lixo, nos combustibles, nos medicamentos e nos Servizos sanitarios ou sociais e duas subas do IVE? Por certo, debería de explicar como cadran as contas si aumentan gastos, reducen ingresos e non poden emitir débeda.

Noutras Comunidades faise de xeito progresivo, Andalucía por exemplo rebaixará dous puntos a todas as rendas inferiores a 60.000 euros e  adaptará os tramos para manter a progresividade. Vostede, sempre afondando na desigualdade.

Fiscalmente, ademais de inxustos  son erráticos. Aumentaron a fiscalidade sobre a vivenda, eliminaron a desgravación por compra e incrementaron o valor catastral revisando valores e con tipos máximos. Agora anuncian pequenas rebaixas dalgúns impostos. A súa política fiscal resúmese en dureza  cos honrados, asalariados e pensionistas  e benevolencia para os defraudadores, que son  amnistiados.

CONTRA DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
Non cren na igualdade de oportunidades. A terceira parte das persoas de 25 a 34 anos só teñen estudos primarios ou de ESO. Poucos países presentan datos peores. Para converxer cos países punteiros precisariamos arredor de 250.000 novos empregos  de técnicos e profesionais con  nivel de bacharelato ou formación profesional superior. Sen embargo non aproveitan o elevado paro para incrementar a cualificación. Optan por algo máis fácil e menos útil, a LOMCE, unha lei ideolóxica na que evitaron discutir problemas e solucións e rexeitaron  consensos sociais ou políticos. Implantaron o que non existe en Europa, reválidas selectivas temperás e obviaron o que alí funciona,  orientación cara o éxito das persoas.

Crearon a Formación Profesional Básica sen  un euro para equipamento ou material e sen regular o título final, asumindo que non vale para nada. A FP Dual galega representa menos do  1% de España. Canto ó ensino de idiomas, os últimos datos do Ministerio son desoladores para o noso país.

Temos o dobre de abandonos escolares prematuros que na maioría dos  países avanzados,  menos  que  nas Comunidades con  inmigración pero  moitos máis  que nas comunidades  referentes en educación. Temos o triplo de fracaso escolar que na OCDE. Ademais de despilfarrar  recursos, estamos abandonando a un elevadisimo numero de estudantes, que, non é casual, proceden dos niveis socioeconómicos máis febles. É falso que debamos optar entre equidade e excelencia. Podemos e debemos ofrecerlles mellores oportunidades de igualdade  coas medidas probadas noutros países.

O mellor indicador da igualdade de oportunidades é o número de becas. Co goberno Zapatero o número de becas medrou un 76%. Co goberno Rajoy as becas estatais en Galicia baixaron un 21% en contía e un 6% en becarios. E as becas galegas baixaron un 23% e a metade non se executa.

INEXISTENTE POLÍTICA EMPRESARIAL
As hemerotecas están cheas de declaracións súas e promesas de investimentos, de oportunidades económicas, de creación de emprego. Os datos publicados deíxano en mal lugar. No ano 2014 o investimento extranxeiro en Galicia baixou un 77%,  descontando as entidades de tenencia de valores ou instrumentais. Decimoterceira posición do Estado, cun cativo 0´3%, mentres en España medraba casi un 10%. Indica que dende fóra temos pouco atractivo.  

 No Índice de competitividade rexional da Unión europea estamos  na posición 182. A  60 postos nada menos dunha comunidade semellante en moitos aspectos como a Bretaña francesa. A semana pasada un informe do Banco Mundial subliñaba que as facilidades para facer negocios en España son peores que en Macedonia e dentro das Comunidades Autónomas Galicia a que presenta máis dificultades. De que serviron as leis que aprobaron desoíndo a demanda de rigor que faciamos dende a oposición?

Os mesmos  informes que veño de citar suliñan  o que debemos facer, incrementar  a penetración das novas tecnoloxías na producción, mellorar  a calidade do mercado laboral e o esforzo en I+D. En lugar de seguir esas directrices europeas,   contratan empresas para captar investimentos asumindo que os 18m€ regalados á    Confederación de empresarios sen concurso público foron un rotundo fracaso. En I+D, recortan, escandalosamente no sentido contrario a Europa.

O exceso de propaganda voltase contra vostedes. En colaboración co Ministerio de Industria, convocaron nos tres últimos  anos 137 m€ en axudas á industrialización das comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal. Concederon 13 m€, o 10%.  Se entramos no detalle, algunhas actuacións ilustran o chamado capitalismo de amiguetes.

Hai unha oportunidade que non deberiamos desperdiciar como país. A Comisión Europea prepara  un Plan de Estímulo económico con 300.000 millóns de euros en tres anos. Aproximadamente 1500 m€ corresponderán a Galicia. Fágolle unha proposta. Deseñemos, co concurso dos axentes sociais e dos expertos, un Plan Global que defina prioridades e obxetivos, evitando os erros que denunciamos no Plan Estratéxico Galicia 2010 e que desgrazadamente foron confirmados logo.

POLÍTICA  AGRARIA INÚTIL
Vostede acaba de asumir o fracaso da política agraria. Tardou anos en entendelo porque non lle gusta escoitar. O sector leva moito tempo dicindo que todos e cada un dos subsectores agrarios  son hoxe menos competitivos, teñen menos emprego, e  arrastran os mesmos problemas estruturais. E algo máis, que cando tiveron  problemas coxunturais nunca contaron co apoio da Consellería,  reducida a xestionar  fondos europeos, sen ningún tipo de orientación estratéxica.

Defendemos o que vostede nega. Se temos máis da metade da produción, máis do 60% dos gandeiros, mentres España importa leite, temos que liderar unha estratexia  de protección do noso mercado. Facelo co sector pero lideralo, porque ademais do valor económico é o principal eixo de vertebración do mundo rural. Sabendo que para reducir custos de producción no sector leiteiro é imprescindible incrementar nun 50% a superficie agraria útil mediante arrendamentos, tardaron seis anos en aprobar a Lei de Mellora da Estrutura Agraria.. Non aceptaron nengunha aportación nin suxerencia. Nin fixeron nada para aplicala.

SEN POLÍTICA FORESTAL
Igual ocorre coa política forestal, subordinada cando non fagocitada polo dispositivo contraincendios, en prexuízo do sector produtivo. O 30% da superficie forestal é improdutiva. O minifundio da propiedade dificulta unha xestión eficiente. Así, fronte a outros países, temos unha  taxa de certificación moi baixa. Faltan  incentivos fiscais, préstamos para investimento, fondos de investimento forestal, servizos de apoio.

PESCA EN CRISE
Na pesca temos  unha conflitividade sen precedentes en demanda de repartos máis xustos das  escasas posibilidades de pesca. Os TAC´s e cotas son insuficientes para garantir a actividade da  frota, do cerco ou volanteira. Os acordo  con terceiros países derivaron na expulsión da frota de Mauritania e na imposibilidade de acudir a Marrocos.

Os episodios de biotoxinas  provocan alertas sanitarias no sector do  mexillón  debido principalmente ós recortes en investigación. As autorizacións marisqueiras atópanse  abandoadas. A falta  de controis sanitarios sobre bibalvos importados, especies invasoras e parásitos  provocan  caídas da produción como acontece no mellor banco da Ría de Arousa, pechado nesta tempada. E as confrarías soportan o atraso no pagamento das axudas por vixianza e a asistencia técnica.
Ningunha actuación de acuicultura en terra. No emprego,  desapareceron a quinta parte dos afiliados ao Rexime do Mar e 600 mariscadoras

No hay comentarios:

Publicar un comentario