domingo, 18 de octubre de 2015

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA-III



XUNTA INEFICIENTE
O seu goberno funciona pouco e mal. Vostedes clamaban contra a débeda que herdaron. Eran 4000 m€,  e a incrementáron un 250%,  ata dez mil millons. Máis 1.500 m€  do hospital de Vigo. A execución orzamentaria no pasado ano foi das peores de España, cinco puntos menos da media. Simplemente igualando esa media o PIB galego igualaría á media española. Non o fixeron e tivemos o peor dato de crecemento.

Levamos seis anos con  investimento mínimo. Paralizaron  todo tipo de proxectos en estradas. Unha lista interminable, en todos os puntos cardinais.  Resúmese nun dato, baixaron un 93% en licitación. Esqueceron, unha vez publicitado, o Plan Move, no que prometeron investimentos e miles de empregos, como no concurso eólico. Respaldan a ralentización do AVE, que atrasa investimentos e segue con tramos indefinidos. Non avanzaron nos accesos ferroviarios aos portos de interese xeral. Os aeroportos seguen coa descoordinación habitual.

MOBILIDADE ABANDOADA
Logo de seis anos debería de explicar  por que temos os carburantes máis caros que no resto de España, consecuencia en parte do recargo da Xunta. Ou por que as tarifas da  autopista  son das máis caras de España, para transportistas e para viaxeiros. Para iso prorrogaron a privatización ata 2048?

Non están por mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas.  Suprimiron rutas e frecuencias no transporte público, adiaron indefinidamente o metro lixeiro das cidades, paralizaron a intermodalidade.  Non  integraron liñas de transporte urbano e interurbano en ningunha área metropolitana, nin crearon estacións intermodais.

NIN URBANISMO NIN VIVENDA

É difícil pensar que vostedes traballan para o interese xeral e non para a suma de intereses particulares. Nestes anos, 12.000 familias foron desafiuzadas  por impagamento do aluguer. Vostedes non iniciaron ningún programa de construción  Nin desenrolaron o Plan Nacional de vivenda. Mesmo abandoaron a rehabilitación do parque existente.

SANIDADE, MÁXIMO MALESTAR
O malestar coa política sanitaria estivo moi  presente neste Parlamento diante da súa indiferencia. Multitude de protestas masivas como non se deron en ningún outro problema. Conflitos  por recorte de dereitos, redución de medios humanos e clínicos, privatizacións. Cando vostedes chegaron había un sistema modélico a escala mundial.  Totalmente sostible financeiramente. Empeñados en abrir portas ao negocio, estano transformando aceleradamente. Hoxe a sanidade é menos pública, menos universal, menos gratuíta. Consecuencia de suprimir máis de 400 m€ anuais e reducir plantillas. De privatizar servizos a grande escala e introducir copagos. Mesmo restrinxiron o acceso a medicamentos imprescindibles para a hepatite ou as vacinas. Anuncian cheques para pañales pero eliminan pediatras.

Triplicaron o custo do hospital de Vigo, unha operación na que só gaña a empresa adxudicataria. Perden os doentes, os vigueses, os profesionais, a Administración. Din que tiveron un problema de comunicación en Vigo.  Equivócase, os cidadáns entendérono perfectamente e por iso se manifestan. En cambio, a medicina privada vive un momento doce. Medra en pólizas e  primas, crean novos servizos. Os cidadáns están asumindo que o sector público xa non cobre as súas necesidades.

Unha política alternativa na sanidade é posible. Recuperando o nivel de recursos económicos e humanos. Rematando coas privatizacións. Respectando os profesionais. Asumindo o financiamento publico dos fármacos hospitalarios.

TRANSPARENCIA INSUFICIENTE
Na loita contra a corrupción  necesitase máis cun cambio lexislativo. Deben cambiar as actitudes. Sobre a transparencia, escribiu Bentham, “canto máis te observo, mellor te comportas”. Aínda estamos agardando documentación ou explicacións de asuntos que afectan ao seu entorno persoal e ao Partido que dirixe. Asuntos que están en sumarios xudiciais cheos de declaracións sorprendentes.

Decía Jefferson que a arte de gobernar reducese á arte de ser honesto. Honestidade é  tamén desvelar os intereses presentes na política sanitaria, por exemplo nos concursos dos hospitais ou das ambulancias. E os intereses das empresas adxudicatarias de obras e concesións coas que logo comparte mesa.

GALICIA MINÚSCULA
Un ano  levan os seus  pedíndolle que se presente de novo. E un ano leva vostede  fuxindo do  compromiso, mentres se postula como sucesor de Rajoy en tertulias e tribunas. Comprendo a súa resistencia. Sabe mellor que ninguén as hipotecas enormes que deixa. O que non é comprensible e que elixira desempeñarse como xefe político antes que como Presidente. En cada problema onde as necesidades do país reclamaban solucións propias, vostede cedeu coma se fose o Delegado do goberno e non o líder dun país.  Na reforma eléctrica, no  leite, na pesca do cerco, na lei de costas, abandonou os seus concidadáns para alinearse co seu grupo político. En ningún deses problemas intentou propoñer solucións, aunar vontades, prever o futuro.

É triste dicilo, pero calquera dos Presidentes anteriores tiña unha idea máis clara do carácter singular da autonomía galega. Non abonda con chamarse nacionalidade histórica, hai que exercer como  tal. Con vostede Galicia está en minúsculas dentro de España, ten un peso irrelevante no Goberno central.

ESPAÑA: SEN VISIÓN GLOBAL
Vostede é dirixente nacional  do  PP. A sua política territorial  é acudir constantemente ao Tribunal Constitucional. O goberno Aznar foi o doble  de veces que o goberno Zapatero. En catro anos, o Goberno Rajoy xa foi máis veces que o anterior goberno en oito anos. É imposible que un Estado complexo e plural funcione nos Tribunais. Entendemos que é dificil entenderse con Gobernos empeñados na ruptura. Pero na medida en que están lexitimados polas urnas só caben solucións políticas baseadas no diálogo, na cooperación e no mutuo interese. Substituílas pola forza da lei exclusivamente, non é o mellor camiño. Lembre a Montesquieu, “unha cousa non é xusta polo feito de ser lei, debe ser lei porque é xusta”.

O rupturismo vén do Goberno catalán, non da sociedade.  Unha comunidade  que representa o 20% do PIB español e o 16 % da poboación merece algo máis que acoso institucional.  Azaña que sabía do que falaba pois viviu sendas proclamacións de independencia de Maciá e de Companys, defendía que  “unha política intelixente pode crear formas satisfactorias de convivencia nacional utilizando a razón creadora que non está reñida coa tradición española”. O PP optan por  rachar pontes de diálogo que tiñan décadas e que agora haberá que reconstruír nun escenario máis polarizado e con maior desconfianza como ven de decir Pedro Sánchez. Coacción e ameazas nunca son solucións. Non abonda con explicar o frío de fóra, hai que facer sentir o calor de dentro.

TEMPO DE CAMBIAR
Vostede leva moito tempo mirando cara atrás. Montaigne escribiu que “podemos lamentar non vivir en tempos mellores pero non podemos fuxir do presente”.  O pasado é territorio da historia, a política faise no presente.
Vostede  fala para os seus e  para a minoría privilexiada da que quere formar parte. Nós non queremos esa sociedade.
Os socialistas defendemos  unha política con prioridades  distintas. Que non deixe a ninguen atrás.
Que acabe coa precariedade e a devaluación salarial, derrogando a reforma laboral
Que  apoie a industria, con máis  financiamento e innovación para competir en valor engadido e non en baixos salarios.
Con máis gasto educativo,  máis becas, mellor Formación Profesional, políticas de emprego máis eficaces e apoiando a reinserción laboral dos mozos.
Que devolva aos cidadáns en forma de servizos públicos e prestacións o que aportan en traballo e impostos.
Cunha reforma fiscal progresiva, sen amnistías.
Galicia necesita outra política. Hoxe quedou demostrado que con vostede nin foi  nin será posible. É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar.

viernes, 16 de octubre de 2015

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA-II



FISCALIDADE REGRESIVA
O Partido Popular é  abandeirado da desigualdade. E o seu sinal de identidade. Fixeron unha reforma fiscal regresiva, á medida das rendas máis altas. En Galicia as rendas baixas e medias pagan máis impostos que a media estatal mentras as clases altas pagan menos que a media.

Agora baixarán dous puntos no IRPF. Será porque hai eleccións ou  porque non necesitan ingresos ?  Pode explicar cantos médicos poderían contratar con ese aforro ou cantas prazas en centros de día deixarán de atender? Serán da totalidade da declaración ou dos doce mil primeiros euros? Linealmente  para os que máis gañan como para os que menos.? E nada para os que  non tributan por renta pero soportan taxas, copagos, novos impostos na factura da luz e do gas, da auga e do lixo, nos combustibles, nos medicamentos e nos Servizos sanitarios ou sociais e duas subas do IVE? Por certo, debería de explicar como cadran as contas si aumentan gastos, reducen ingresos e non poden emitir débeda.

Noutras Comunidades faise de xeito progresivo, Andalucía por exemplo rebaixará dous puntos a todas as rendas inferiores a 60.000 euros e  adaptará os tramos para manter a progresividade. Vostede, sempre afondando na desigualdade.

Fiscalmente, ademais de inxustos  son erráticos. Aumentaron a fiscalidade sobre a vivenda, eliminaron a desgravación por compra e incrementaron o valor catastral revisando valores e con tipos máximos. Agora anuncian pequenas rebaixas dalgúns impostos. A súa política fiscal resúmese en dureza  cos honrados, asalariados e pensionistas  e benevolencia para os defraudadores, que son  amnistiados.

CONTRA DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
Non cren na igualdade de oportunidades. A terceira parte das persoas de 25 a 34 anos só teñen estudos primarios ou de ESO. Poucos países presentan datos peores. Para converxer cos países punteiros precisariamos arredor de 250.000 novos empregos  de técnicos e profesionais con  nivel de bacharelato ou formación profesional superior. Sen embargo non aproveitan o elevado paro para incrementar a cualificación. Optan por algo máis fácil e menos útil, a LOMCE, unha lei ideolóxica na que evitaron discutir problemas e solucións e rexeitaron  consensos sociais ou políticos. Implantaron o que non existe en Europa, reválidas selectivas temperás e obviaron o que alí funciona,  orientación cara o éxito das persoas.

Crearon a Formación Profesional Básica sen  un euro para equipamento ou material e sen regular o título final, asumindo que non vale para nada. A FP Dual galega representa menos do  1% de España. Canto ó ensino de idiomas, os últimos datos do Ministerio son desoladores para o noso país.

Temos o dobre de abandonos escolares prematuros que na maioría dos  países avanzados,  menos  que  nas Comunidades con  inmigración pero  moitos máis  que nas comunidades  referentes en educación. Temos o triplo de fracaso escolar que na OCDE. Ademais de despilfarrar  recursos, estamos abandonando a un elevadisimo numero de estudantes, que, non é casual, proceden dos niveis socioeconómicos máis febles. É falso que debamos optar entre equidade e excelencia. Podemos e debemos ofrecerlles mellores oportunidades de igualdade  coas medidas probadas noutros países.

O mellor indicador da igualdade de oportunidades é o número de becas. Co goberno Zapatero o número de becas medrou un 76%. Co goberno Rajoy as becas estatais en Galicia baixaron un 21% en contía e un 6% en becarios. E as becas galegas baixaron un 23% e a metade non se executa.

INEXISTENTE POLÍTICA EMPRESARIAL
As hemerotecas están cheas de declaracións súas e promesas de investimentos, de oportunidades económicas, de creación de emprego. Os datos publicados deíxano en mal lugar. No ano 2014 o investimento extranxeiro en Galicia baixou un 77%,  descontando as entidades de tenencia de valores ou instrumentais. Decimoterceira posición do Estado, cun cativo 0´3%, mentres en España medraba casi un 10%. Indica que dende fóra temos pouco atractivo.  

 No Índice de competitividade rexional da Unión europea estamos  na posición 182. A  60 postos nada menos dunha comunidade semellante en moitos aspectos como a Bretaña francesa. A semana pasada un informe do Banco Mundial subliñaba que as facilidades para facer negocios en España son peores que en Macedonia e dentro das Comunidades Autónomas Galicia a que presenta máis dificultades. De que serviron as leis que aprobaron desoíndo a demanda de rigor que faciamos dende a oposición?

Os mesmos  informes que veño de citar suliñan  o que debemos facer, incrementar  a penetración das novas tecnoloxías na producción, mellorar  a calidade do mercado laboral e o esforzo en I+D. En lugar de seguir esas directrices europeas,   contratan empresas para captar investimentos asumindo que os 18m€ regalados á    Confederación de empresarios sen concurso público foron un rotundo fracaso. En I+D, recortan, escandalosamente no sentido contrario a Europa.

O exceso de propaganda voltase contra vostedes. En colaboración co Ministerio de Industria, convocaron nos tres últimos  anos 137 m€ en axudas á industrialización das comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal. Concederon 13 m€, o 10%.  Se entramos no detalle, algunhas actuacións ilustran o chamado capitalismo de amiguetes.

Hai unha oportunidade que non deberiamos desperdiciar como país. A Comisión Europea prepara  un Plan de Estímulo económico con 300.000 millóns de euros en tres anos. Aproximadamente 1500 m€ corresponderán a Galicia. Fágolle unha proposta. Deseñemos, co concurso dos axentes sociais e dos expertos, un Plan Global que defina prioridades e obxetivos, evitando os erros que denunciamos no Plan Estratéxico Galicia 2010 e que desgrazadamente foron confirmados logo.

POLÍTICA  AGRARIA INÚTIL
Vostede acaba de asumir o fracaso da política agraria. Tardou anos en entendelo porque non lle gusta escoitar. O sector leva moito tempo dicindo que todos e cada un dos subsectores agrarios  son hoxe menos competitivos, teñen menos emprego, e  arrastran os mesmos problemas estruturais. E algo máis, que cando tiveron  problemas coxunturais nunca contaron co apoio da Consellería,  reducida a xestionar  fondos europeos, sen ningún tipo de orientación estratéxica.

Defendemos o que vostede nega. Se temos máis da metade da produción, máis do 60% dos gandeiros, mentres España importa leite, temos que liderar unha estratexia  de protección do noso mercado. Facelo co sector pero lideralo, porque ademais do valor económico é o principal eixo de vertebración do mundo rural. Sabendo que para reducir custos de producción no sector leiteiro é imprescindible incrementar nun 50% a superficie agraria útil mediante arrendamentos, tardaron seis anos en aprobar a Lei de Mellora da Estrutura Agraria.. Non aceptaron nengunha aportación nin suxerencia. Nin fixeron nada para aplicala.

SEN POLÍTICA FORESTAL
Igual ocorre coa política forestal, subordinada cando non fagocitada polo dispositivo contraincendios, en prexuízo do sector produtivo. O 30% da superficie forestal é improdutiva. O minifundio da propiedade dificulta unha xestión eficiente. Así, fronte a outros países, temos unha  taxa de certificación moi baixa. Faltan  incentivos fiscais, préstamos para investimento, fondos de investimento forestal, servizos de apoio.

PESCA EN CRISE
Na pesca temos  unha conflitividade sen precedentes en demanda de repartos máis xustos das  escasas posibilidades de pesca. Os TAC´s e cotas son insuficientes para garantir a actividade da  frota, do cerco ou volanteira. Os acordo  con terceiros países derivaron na expulsión da frota de Mauritania e na imposibilidade de acudir a Marrocos.

Os episodios de biotoxinas  provocan alertas sanitarias no sector do  mexillón  debido principalmente ós recortes en investigación. As autorizacións marisqueiras atópanse  abandoadas. A falta  de controis sanitarios sobre bibalvos importados, especies invasoras e parásitos  provocan  caídas da produción como acontece no mellor banco da Ría de Arousa, pechado nesta tempada. E as confrarías soportan o atraso no pagamento das axudas por vixianza e a asistencia técnica.
Ningunha actuación de acuicultura en terra. No emprego,  desapareceron a quinta parte dos afiliados ao Rexime do Mar e 600 mariscadoras

jueves, 15 de octubre de 2015

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA- I

(posición do Grupo Parlamentario Socialista, expresada por este Portavoz)



 Sr. Presidente:
Hai un ano dixemos que o goberno estaba esgotado. A semana pasada deunos a razón cambiando a metade da Xunta. Hoxe recoñeceu ter escoitado  o clamor da xente e anunciou un paquete social. Benvida sexa a rectificación. Durante seis anos destrozaron a esperanza de tantísimas persoas golpeadas pola crise, agora reclama fe no futuro mentras ofrece caridade en forma de subsidios múltiples. Moi eclesiástico, tanto como o ataque á igualdade que exemplifica este goberno, catro mulleres de once membros.

Con todo o respeto debo dicirlle que a súa credibilidade está perdida. Demasiadas promesas incumpridas, de creación de emprego, de investimento, de recuperación. Tendo maioría absoluta en casi todas as institucións do Estado e de Galicia,  decidiron escoitar pouco e mandar moito.   Aprobaron sen dificultades as leis e normas que querían. Durante anos vostedes dixeron que viviamos por  riba das nosas posibilidades. Agora moitos viven por debaixo das súas necesidades.

BALANCE
A  fenda  entre unha minoría beneficiada e unha maioría perxudicada, é maior que antes. Empobreceron as clases medias por primeira vez na historia moderna. Racharon co principio de que  cada xeración debe mellorar en rendas e  oportunidades. Moitos galegos viven hoxe peor que os seus pais sabendo que os seus fillos poderán estar aínda peor, con salarios insuficientes, traballo precario, con pensións en risco e prestacións sociais minguantes.

Hoxe  esforzarse no estudo, non é garantía de  traballo. Nin traballar garante un salario suficiente para vivir. Nin pagar impostos garante servizos públicos de calidade. Logo destes anos,  a situación económica segue sendo incerta. A situación laboral, lamentable. O retroceso da calidade de vida, enorme. Teño que dicirlle unha vez máis que a recuperación ou é xusta para a maioría, ou non é recuperación. É falso que teñamos que elixir entre economía e  benestar como é falso que non podamos garantir dereitos sociais conquistados.

FRACASO DA  AUSTERIDADE
Rajoy, vostede, e o Partido Popular, decidiron unha estratexia económica, que chamaron “de austeridade”. Dixeron que a economía do país era como unha familia que tiña que pagar débedas reducindo gastos, esquecendo que o gasto público xera ingresos para as persoas, directos e indirectos. A crise foi pagada polos asalariados e os autónomos. Por unha dobre vía: a devaluación salarial e a restrición das prestacións do Estado de Benestar, xa foran pensións, subsidios, medicinas ou becas. Os resultados son notorios. Neste momento o beneficio bruto das empresas é máis elevado que antes da crise, máis incluso que antes da entrada no euro. Polo contrario os salarios retrocederon 20 anos.

Ofreceron ás empresas condicións laborais máis laxas e baixada de impostos, mentres os salarios sufrían a presión fiscal. Por cada cen euros de valor engadido producido, o factor traballo perdeu nove. A  produtividade mellorou pola devaluación salarial, non polo investimento de capital, conxelado ata este ano.

A devaluación interna é insostible. Non hai futuro  competindo con salarios baixos e precariedade laboral. Sobran países competidores con custos inferiores. Nin  é sostible fialo todo ás exportacións e o saldo comercial favorable, sen unha aposta máis forte polo valor engadido, algo que non está ocorrendo. Nin cabe confundirse cos   efectos coxunturais de políticas alleas,  como a depreciación do euro, a caída do prezo do petróleo ou as axudas do Banco Central Europeo.

PARO + PRECARIEDADE
Vostede, logo de seis anos, é o Presidente do paro. Temos  250.000 parados, un cuarto de millón. 90.000 máis que cando vostede chegou á Xunta, no 2009. Porcentualmente nestes anos o paro aumentou o dobre que en España mentras  perdemos o dobre de empregos. Temos menos poboación activa, menos poboación ocupada, menos cotizantes á Seguridade Social.  Perdemos a cuarta parte dos empregos industriais e  do emprego agrario. En 90.000 fogares, un de cada dez, só viven parados. Ese é o seu retrato e o seu balance.

Non son datos. O paro ten rostros. Son persoas que necesitan vivenda, alimentación e vestido, con cargas familiares. Teñen dereitos  e deberían de ter unha esperanza  que vostedes lles negan.  Seis de cada dez non cobran desemprego. Máis da metade  son crónicos de longa duración, perderon as prestacións. A Risga chega a unha minoría. Vostede creou unha nova clase social  de excluídos. En lugar de afrontalas causas, consagran a exclusión co asistencialismo a grande escala. Un círculo vicioso, máis axudas e máis xente estigmatizada coa pobreza.

A pesar da propaganda, o paro apenas cede. A diferencia doutros países,  iníciase a recuperación con paro moi elevado. Segundo o último informe de ABANCA sobre a Economía galega, para baixar do 10% de paro deberíamos medrar 16 puntos máis. Coa súa política non parece probable. O   ano pasado medramos medio punto, a terceira parte da media española. A cantos anos fían a recuperación, Sr. Feijoo?

Vostedes mentiron gravemente. Prometeron que a reforma laboral remataría coa precariedade. Foi ao revés. Os novos contratos son case sempre precarios.  A duración media é de 54 días. A cuarta parte duran menos dunha semana. A metade dos mozos que traballan están en precario.  A metade dos asalariados galegos gañan  menos de mil euros, e un terzo gañan menos do salario mínimo. Pode facerse unha idea de cómo se vive con esos salarios? Das renuncias que eso implica?  Porque nós, si.

PENSIÓNS EN RETROCESO
Baixos salarios máis precariedade terán consecuencias nas pensións. Están liquidando o Fondo de Reserva mentres baixan os ingresos por cotizacións. Non é difícil prever cara onde nos levan. Temos as pensións máis baixas do Estado, conxeláronas por lei e as desvincularon do IPC, restando  poder adquisitivo. Os emigrantes pensionistas son un  exemplo extremo de insensibilidade. Tiveron que protestar durante dous anos para que o goberno comezara a corrixir actuacións inxustas e desproporcionadas. E aínda quedan miles de casos sen resolver.

CRISE DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS
Gastamos menos en dependencia que a maior parte das comunidades e temos unha lista de espera maior, con 27.000 persoas. Só neste ano, mil persoas co dereito recoñecido morreron antes de  recibir prestacións. Reduciron a demanda revisando de oficio os beneficiarios e creando un laberinto burocrático para desanimar os solicitantes.

Recortaron 800 empregos en centros sociais, reduciron orzamentos e subiron as taxas   obrigando a moitas persoas a abandoar residencias e centros de día. Favorecen a privatización,  concentrada en catro empresas, mentres  dificultan que as entidades de iniciativa social poidan xestionalas. As ratios de prazas residenciais para persoas discapacitadas, centros de día, residencias de maiores, son peores que a media do Estado.

Son algúns datos da situación social. Contra iso vostede ofrece discursos pero non recursos. O  gasto social baixou 1.150 millóns de euros anuais. Por iso moitos galegos votan cos pés, marchando do país. Fundamentalmente persoas novas e cualificadas, agravando a sangría demográfica. Vostede quede frenala recuperando un cativo cheque-bebé. Agora o vilipendiado Zapatero é o seu modelo?

sábado, 19 de septiembre de 2015

CATALUÑA, QUÉ HACER EL DÍA DESPUÉS

Artur Mas tenía dos caminos ante si: resignarse a unos mediocres resultados como gobernante o pasar a la historia habiendo intentado la independencia. Y al tiempo llevar más lejos los desafíos de Francesc Maciá en 1931 y Lluis Companys en 1934 con sendas proclamaciones del Estado Catalán. Pasar a la historia exige gestos grandiosos.

Ha sido consecuencia, en versión nacionalista, de la sentencia del Tribunal Constitucional, de la política centralista del gobierno Rajoy, de los intereses electorales populares,  etc. Hubiesen valido igualmente otros argumentos. Las razones para superar el marco constitucional y abrir un camino nuevo son múltiples y todas de carácter político. La construcción de una sociedad dual y polarizada, también ha sido una constante durante tres décadas. El nacionalismo engendra las naciones y no al revés, según la explicación clásica  de Gellner.

Y esa es la realidad política sobre la que actuar. En momentos de crises, los territorios ricos no desean contribuir tanto al sostenimiento de los menos desarrollados. En Cataluña como en la Padania o en Quebec en su momento. Y cualquier acuerdo futuro tiene que partir de ese sustrato tan fácil de transformar en sentimientos de agravio y expolio.

La arquitectura constitucional (federalismo, competencias, instituciones) será consecuencia pero no solución. Ésta solo puede venir del diálogo y del pacto, que tendrán un coste fiscal cuantificable, probablemente sin llegar a una solución como el cupo vasco-navarro pero sustantivamente mejor que la actual. A partir de ahí ambas partes podrán respirar hasta el próximo embate nacionalista, que inexorablemente se repetirá pues la Tierra Prometida ya ha sido anunciada. No hacer nada sería suicida para la convivencia política española y por otra parte ningun Estado serio asume la secesión cuyos costes aún serían mayores.

La dificultad  no es menor: ¿de dónde saldrán los nuevos recursos?. Un vistazo a los Presupuestos del Estado permite suponerlo: de los territorios que reciben más transferencias. Es decir de una nueva redistribución de la financiación autonómica. Llegar a una solución aceptable para todos exigirá renuncias multilaterales. Al día siguiente de las elecciones catalanas será  la hora de la política. Y de verdaderos políticos de Estado.

martes, 15 de septiembre de 2015

NECESITAMOS COOPERACIÓN XUNTA-CONCELLOS

Hai poucas semanas ficaron constituidas as 318 Corporacións Locais de Galicia. 3766 membros electos nos Concellos e outro centenar máis nas Deputacións, conforman a representación plural que debe tentar mellorar as condicións de vida dos seus veciños e crear as condicións para o desarrollo económico, social e cultural no seu ámbito.



Deberán de exercer as competencias propias e inevitablemente as chamadas competencias impropias. Logo de todo o discurso negativo do Goberno sobre os Concellos, a situación competencial segue sendo semellante pero con máis precariedade e menos recursos. Ademáis hai unha morea de competencias compartidas, onde Xunta e Concellos coinciden en diferentes segmentos da mesma actividade e onde compre unha cooperación que ata agora foi mínima.


Fronte ós debates superestruturais, alleos ás persoas, como a fusión de municipios, os modos de xestión ou as formas de cooperación, as demandas veciñais son ben coñecidas, están documentadas e so precisan da vontade política das Administracións implicadas.

Asi, o transporte metropolitano, que debe superar tanto os límites territoriais dos municipios como a artificiosa división entre urban e interurban. A nova realidade residencial, laboral e de ocio, ten provocado a dilución das fronteiras municipais nun habitat de urbanización difusa. Se necesitan fórmulas integradas, como os consorcios existentes noutras cidades españolas ou europeas, para extender os servizos urbans ó seu entorno, sen transbordos, con liñas e frecuencias que den servizo a hospitais, polígonos empresariais, campus universitarios, grandes superficies, zonas de ocio nocturno.

Igualmente é necesario cooperar para impulsar a vivenda de promoción pública. Os recursos da Xunta para vivenda baixaron nun 80% dende 2009 mentras repuntan os prezos e mantense a demanda.

Tamén é imprescindible cooperar nunha nova política de residuos. Galicia non pode seguir destacando polas baixas porcentaxes de reciclaxe e aproveitamento e polas altas taxas de incineración con efectos perxudiciais para o medio ambiente. Estamos alonxados das directivas comunitarias e das tendencias dos países adiantados.

E sobre todo compre mellorar o financiamento local, reducido polo Goberno Feijoo nun 12%, sen que se teñan abordado outros compromisos como a simplificación e integración das subvencións finalistas ou a transferencia automática dos fondos correspondentes o Plan concertado de servizos sociais.


Diante da nova etapa e coa responsabilidade de gobernar casi un centenar de Concellos e duas Deputacións, trasladamos esstas demandas á Xunta, no debate parlamentario. Non houbo sorpresas nin interese do goberno. A maioría popular votou en contra da cooperación municipal.