miércoles, 10 de junio de 2015

VOTOS, NON DEMONIOS

Feijóo leva seis anos demonizando as coalicións de goberno e ó "Bipartito" (enténdase goberno de coalición presidido por Touriño), en tódolos debates e ocasións. Dende hai quince días ten o síndrome do converso. Igual co resto do PP, está disposto a pactar con calquera, en todo lugar, mesmo sen límites. Así dixo o Sr. Louzán antes de ofrecerlle un pacto ó grupo que ata ese día era alcumado de facer política cubana ou venezolana. Na mesma onda, a señora Aguirre quería pactar con Cidadáns e co PSOE. Mesmo propon unha grande coalición "para frear ós soviets". Qué imaxe, Aguirre, afogada pola corrupción, centinela de Occidente fronte ós bárbaros. Pura imaxinería franquista. Tamén o Sr. Monago non descartou pactar con Podemos; Feijóo, presente nese acto, aplaudiu esa gallarda postura.

Na campaña electoral galega Núñez Feijóo ofrecía un día pactar con Cidadáns e outro día co socialismo moderado. Logo de seis anos predicando contra os gobernos de coalición, agora di que "os pactos están no ADN do PP". Semella ter caído do cabalo de Saulo e descubrir a verdade logo dunha vida enganando. Quere pactar con calquera, suponse que por coherencia programática, no mellor estilo de Groucho Marx.

Alerta Feijóo coa inestabilidade institucional cando a única inestabilidade ven provocada por subordinar á Xunta ós intereses partidarios e de promoción persoal coa vista posta en Madrid. É certo que o PP atopa dificultades para ter socios de goberno. Colleitan o que sementaron logo de anos rexeitando calquera tipo de acordos ou pactos. Instalados na soberbia, non acaban de comprender o denominador común dos resultados electorais, o rexeitamento das políticas económicas inxustas e desiguais, e da corrupción que aniña nos gobernos populares.

A lei vixente, artigo 140 da Constitución española, establece que os Alcaldes son elexidos polos concelleiros electos. Va de seu que será Alcalde(sa) que teña a maioría dos votos. Esa a lei vixente e pode cambiarse, sempre que haxa un consenso tan amplo como houbo en 1978. Pero a alternativa non será, como querían Feijóo e Rajoy, que un grupo minoritario teña o plus da maioría absoluta. En España as coalicións todavía son recentes, pero na Europa comunitaria hai 25 gobernos estatais de coalición, e só tres de maioría absoluta, Reino Unido (cun sistema electoral maioritario), España e Malta (ambas con sistemas electorais proporcionais).

Agora entonan o mea culpa e asumen que comunicaron mal. En realidade mentiron. Chamaron austeridade á desigualdade, falaron de recuperación omitindo que era para a minoría. Dixeron rigor e foi corrupción.
.



No hay comentarios:

Publicar un comentario