martes, 9 de junio de 2015

TEMPO NOVO

Quince días despois das eleccións locais, a paisaxe vai quedando nidia. A un lado o PP que tendo gañado en termos absolutos resulta perder en termos relativos pois cederá o control de moitos Concellos, Comunidades Autónomas e Deputacións Provinciais, pola política de pactos inevitable nun contexto de fragmentación electoral. Doutro lado o Partido Socialista que, cun leve incremento electoral, acada a dirección de moitas das devanditas institucións, pola sua maior centralidade para fraguar pactos e coalicións. Finalmente a irrupción de novos partidos e coalicións engade unha novedosa vía con efectos institucionais inmediatos: Santiago, Coruña ou Ferrol, pero tamén Madrid, Barcelona ou Valencia.

Xurde un escenario interesante pois modificará as prioridades e sobre todo as formas de actuar. Probablemente con sobresaltos e dúbidas, inevitables nun contexto de gobernos máis  heteroxéneos. Pero tamén un escenario creativo que pode axudar a innovar en problemas enquistados: reformas institucionais, electorais, políticas sectoriais, etc.

A día de hoxe o PP semella desarbolado. A sucesión de ataques, ameazas á estabilidade, apelacións a todo tipo de acordos pero rexeitamento a modificar a política económica, expresa o desconcerto instalado na cúpula conservadora. Nin acaban de asimilar o resultado electoral nin de comprender a mensaxe común ós resultados: o rexeitamento social da política económica, da rebaixa dos dereitos e prestacións sociais e da corrupción xeral no entorno dos conservadores.

En Galicia, o Presidente Feijoo responde á esa pauta de comportamento. Vociferante contra todo e contra todos, rexeitando calquera cambio de rumbo nunha política fracasada e atento a sua proxección en Madrid. Mentras a gobernación de Galicia está abandoada e todolos indicadores alonxados do resto de España, asistimos a un xogo de salón entre dirixentes populares á busqueda dun espazo no tempo novo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario