miércoles, 22 de octubre de 2014

ORZAMENTOS 2015

Na presentación do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2015, a Conselleira de Facenda recoñeceu que estaban presididos pola prioridade do axuste. Non pola loita contra o desemprego, nin polo compromiso co crecemento, nin polo consumo, nin polo benestar.

As consecuencias de cinco anos continuados de axuste, son moi visibles. Estancamento, depresión, nunca crecemento. Desemprego consolidado, mocedade emigrando, consumo mínimo. Envellecemento e despoboamento, un país en declive. A reforma do mercado de traballo introduciu un modelo dual, con enorme precariedade e devaluación salarial, pero non crecemento do emprego.
Hoxe Galicia, como España, ofrece menos oportunidades e máis desigualdade.

Nunha vistosa, presentación do orzamento 2015, en especial nas páxinas 59, 60 e 61 describese o compromiso co crecemento intelixente, sostible e integrador. Como eixos se citan a economía do coñecemento, que rexistra unha caída do 15% en cinco anos, as políticas activas de emprego, reducidas nun 54%, a atención ós colectivos máis desfavorecidos, minoración do 27%, a dinamización demográfica, simplemente ausente do orzamento, as infraestruturas, que baixaron un 56%, a competitividade empresarial, que anota unha baixada do 50%, a sensibilidade ambiental, reducida nun 70% e o control ambiental, que se resume no modelo SOGAMA, incompatible coas directrices europeas. Cifras do 2015 en relación co 2009.

¿Ilusión? ¿Voluntarismo? ¿Marketing? ¿Cinismo?. Un cadro das principais magnitudes, é o seguinte:

ORZAMENTOS 2015 (en millóns de euros)
                                                                       2009                2015              DIFERENCIA              %
Función 32 Promoción do emprego               421                   193                  -  228                        -  54
Función 41 Sanidade                                   3.767                3.409                  - 358                         - 10
Función 42 Educación                                 2.404                2.048                  - 356                         - 15
Función 45 Vivenda                                        211                     41                  - 170                         - 80
Función 51 Infraestruturas                              596                   264                  - 332                         - 56
Función 54 Actuacións medioambientais       295                     90                  - 205                         - 70
Función 71 Dinamización economía  rural     409                   309                  - 100                         - 25
Función 72 Pesca                                            174                     54                   -120                          - 69
Función 74 Desenvolvemento empresarial     205                   103                   -102                         -  50
Función 9 Débeda Pública                              393                1.515              + 1.122                       + 285

Capítulo II Gastos en bens correntes           1.394                 1.388                     - 6                       -    0,4 Capítulo VI Investimentos reais                  1.462                    699                  - 863                      -  52
Capítulo VII Transferencias de capital        1.246                    546                  - 700                     -   56

miércoles, 8 de octubre de 2014

2014 ESTADO DA AUTONOMÍA

I- ONDE ESTAMOS

A Comunidade Autónoma existe para cumplir dous obxectivos. En primeiro lugar, defender a identidade de Galicia e dos seus intereses; en segundo lugar promover a solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego. Asi consta no primeiro artigo do Estatuto de Autonomía. 

Para este Grupo os problemas principais deste país son o paro, a pobreza e a desigualdade. Co actual goberno de Galicia , os tres problemas aumentan día a día e afectan á inmensa maioría dos cidadans. Sin embargo, non son as prioridades da Xunta. O demostran coas políticas, cos orzamentos, cos resultados, mesmo cos xestos.

O Presidente Feijoo, cando debe elexir, antes actúa como Presidente do seu partido que como Presidente de todolos galegos. Afronta os problemas do país mirando para os seus intereses electorais. Reiteradamente coloca a este país como unha filial da Moncloa ou da rúa Génova, esquecedo as necesidades propias. Faino co financiamento da autonomía perdendo recursos imprescindibles, polos intereses electorais do PP . Faino co mapa xudicial onde vostede aceptaba sete partidos xudiciais, o taxazo e a privatización dos rexistros civís. Faino con Navantia, defendendo os intereses do PP en Cádiz antes que cumplir alomenos unha promesa en Ferrol. Faino co sector eólico liquidado sen discutir alternativas, co sector agrario, etc.

Nos anteriores debates da autonomía, as  propostas principais de Feijoo foron:
2010. Concurso eólico, non subir o IVE,
2011. Control da débeda, lei do solo.
2012. Fusión de concellos
2013. Crecemento solidario que non esqueza a nadie

Non cumpriron nengunha. No 2014 o Presidente  propon mellorar a transparencia, con medidas que rexeitaron hai poucas semanas cando as propuso este Grupo. Propon un plan de emprego xuvenil que rexeitou hai un ano. Un plan para desempregados sen cuantificar. Un plan de reindustrialización prometido dende 2011, sen recursos e unha Lei do Solo sen acordo. Non podemos acreditar en compromisos tan incumplidos.

España é o país onde máis aumentan as distancias entre ricos e pobres. Tamén donde mais baixan os salarios. No último ano os 7000 galegos máis ricos incrementaron o seu patrimonio en 4800 m€, equivalentes ó 9% do PIB. Esa situación é un aldraxe para os 280.000 parados, para os 7000 perceptores da RISGA que viven con 400 euros, para os pensionistas, para os que viven co salario mínimo ou menos. É demoledor para as clases medias empobrecidas, desmoralizador para a xuventude.

II- A IDEOLOXÍA CONSERVADORA FRACASA CONTRA A CRISE

Para facer fronte á crise, aplicaron politicas de axuste fiscal e devaluación salarial. Dous coñecidos catedráticos galegos, Antón Costas e Xosé Carlos Arias, que as estudaron a fondo, as califican de ideolóxicas, literalmente de suicidio económico. En contraste con Estados Unidos onde políticas de estímulo da demanda tiveron resultados favorables.

Non resolveron o problema máis grave, a débeda, que non cesa de medrar. Nin resolveron a crise bancaria. A liquidez inxectada polo BCE recuperouna como depósitos dos bancos, sen repercusión na economía ou no crédito. Diante dunha nova depresión, con riscos de deflación ou estancamento prolongado, o BCE pide incrementar a inflación, como fixo Estados Unidos. Mesmo Alemaña e o FMI inician tímidamente outro discurso: investimentos públicos, emprego xuvenil, crecemento. E a Xunta?

O PP quería unha fonda desigualdade no reparto de cargas en beneficio das grandes rentas e patrimonios. Reduciron áreas do Estado de Benestar como sanidade, educación, formación laboral, investigación, fundamentais para o crecemento da economía a longo prazo e nas que unha longa interrupción provoca danos irreparabeis. Hoxe temos a débeda multiplicada, o consumo paralisado e o desemprego de longo prazo consolidado.

Non podemos competir exclusivamente en custos salariais. Necesitamos crecemento diferencial, acurtar distancias en capital humano, innovación, tamaño das empresas, custos enerxéticos, acceso ó crédito. Un exemplo, en Galicia o 42 % da poboación activa e o 54% dos parados, ten baixa cualificación fronte ó 15% dos principais países.

Hoxe temos 121.600 desempregados maís que no 2009, deles 20.300 na actual lexislatura. Con peores taxas de emprego e de actividade que España. Con 177000 ocupados menos. A décima parte das familias, 93700, teñen a todolos seus membros no paro. Traballan menos persoas, con salarios menores e precarización escandalosa.

INDUSTRIA

Perdimos 60000 empregos industriais un de cada catro e seguimos sen un Plan de reiundustrialización, prometido na Lei 13/2011, nin investimentos novos nin captación de capitais. Propon mobilizar 500 m€ pero no orzamento non figura nengun euro.

Baixaron a investigación a niveis de Turquía e Ucraína, en dirección contraria ás comunidades competitivas, reducindo proxectos, investigadores e masa crítica, algo que non se recupera fácilmente.
 
Liquidaron o sector eólico, coa suspensión de primas e a penalización retroactiva das instalacións anteriores a 2004. O concurso eólico está paralisado. Según as empresas, nin os parques serán construídos, nin os proxectos industriais asociados, serán desenvolvidos. Non haberá 14.000 empregos novos, nin 6.000 millóns de euros en investimento, nin ingresos por canon eólico e alugamento de terras. No ano 2013, Galicia só instalou o 2% dos MW eólicos de España.

A construcción naval baixou un 80% en tonelaxe e rebosa promesas incumplidas. O dique flotante irrenunciable co goberno Zapatero, agora é prescindible. Os compromisos de PEMEX, tan publicitados, cada día menguan.

Na actual lexislatura, o IGAPE non concedeu nengun préstamo e só nove avais. O orzamento baixou un 75%, de 345 millóns en 2010 a 82 millóns de euros neste ano. As axudas teñen mínima incidencia pola baixa contía. As empresas reclama máis axilidade e menos burocracia. Na captación de investimento extranxeiro suliñemos a irrelevancia de Galicia. Como na captación de talento.

AGRICULTURA
Lideramos o leite máis barato de Europa. 33 céntimos e contratos de tres meses na maioría das explotacións. A industria anuncia unha nova baixada unilateral. Cando os prezos estaban altos, demandamos aproveitar a coxuntura para estabilizalos. Rexeitaron todalas propostas. Mudou o mercado internacional e voltamos á casilla de saida. Neste último ano da cota láctea, os gandeiros teñen duas alternativas, ou pagar multa ou alugar cota a 7 céntimos/litro. O sector lácteo ten hoxe os mesmos problemas estruturais que hai cinco anos.

Estamos na vendima. Non hai nengun contrato asinado, nengunha negociación entre productores e adegas. Os viticultores entregan a uva sen prezo e sen garantía de cobro, en contra das previsións da Lei de Mellora da cadea alimentaria.

A mobilidade de terras agrarias resta competitividade das nosas explotacións. Seguimos á cola en Superficie Agraria Útil, a pesares do crecente abandono de terras.

A única política forestal segue sendo producir para pasta de papel. A valorización da nosa madeira é nula. Lideramos a produción de madeira, de menor calidade e prezo máis baixo.


PESCA

Nos últimos anos perdimos 4400 traballadores no Rexime Especial do Mar. Os problemas existentes como a falla de cotas ou o reparto discriminatorio, non se resolven. Temos barcos excluidos dos acordos pesqueiros con terceiros paises como Mauritania, ou baixo condicións insostibles, como en Marocos. A Unión Europea ameaza prohibir a pesca de arrastre. 

Na acuicultura nin un metro cadrado de actuación. O mexilón, dous anos en crise con peches continuados por toxina e proliferación de alertas alimentarias. A Xunta non amosa interese en fomentar a DOP e recorta os orzamentos para investigación.

Baixura e marisqueo, abandono total. Nun ano catastrófico pola sucesión de temporais a Xunta negouse a adoptar medidas paliativas. Os ingresos dos mariscadores están arredor de 450 €/mes. Aumenta o furtivismo pero retrasan as axudas as Confradías que asumen as vixianzas.

Privatizaron os Gardacostas, suprimiron o Seguro do Mal Tempo, e a póliza colectiva de accidentes, consecuencias :
a) Tempos de resposta ós accidentes no mar cada vez máis tardios e dispositivos de rescate máis descoordenados
b) Os temporais destruen as economías familiares que antes paliaba o seguro
c) As familias das víctimas quedan desprotexidas



INVESTIMENTO PÚBLICO

A principal Consellería investidora é hoxe irrelevante. En vivenda social, a Xunta no 2009 executaban 56 m€ , hoxe 1´5 m€. Paralisado o Plan Nacional de Vivenda. 500 vivendas públicas, dispoñibles para desafiuzamentos, ocupadas 33 pero 12000 galegos foron desafiuzados. 

Solo industrial, a Xunta dispon de 960 parcelas que totalizan 2´8 millóns de m2, ademáis do porto seco de Monforte e dos tres millóns de m2 da PLISAN de Salvaterra, onde so medra a herba. Fixeron un Plan é só colocaron o 4% das parcelas.

Modelo de residuos, insostible medioambientalmente e baseado no engano ós centos de miles de fogares que clasifican o lixo para que logo sexa incinerado ou soterrado indistintamente e baixo tarifas abusivas. En urbanismo nin un so dos plans previstos na directrices de ordenación territorial está en vigor.

FINANZAS PÚBLICAS

Reduciron o gasto público en máis de 1100 m€ anuais. Rexeitaron subir impostos ás rendas ou patrimonios mais altos e xeneralizaron taxas e repagos. Hoxe pagamos máis por menos. Maís pagos, menos servizos. Anuncian unha reforma fiscal que favorece abertamente ás rentas máis elevadas.

Voltaire, definía a arte de gobernar como despoxar da maior cantidade posible de diñeiro a unha clase de cidadáns, para transferila a outra. Estano aplicando  en favor dos ricos. Para a minoría rica, amnistía fiscal, inxusta e indecente. Quen defraudou, regulariza a prezo simbólico.

No 2009 a débeda representaba o 6.8% do PIB, hoxe o 17.1%. O custo pasou do 4 % do orzamento ó 20 % e no ano 2015 chegará a 10.500 millóns de euros, máis outros 3.000 m€ de endebedamento con empresas. É difícil falar de solvencia. Si hai deflación, será imposible reducila. A maioría das CCAA se financian en mellores condicións que Galicia. Dos novos 5.700 m€ dispoñibles recibiremos 122 millóns de euros, o 2 % dese total. 

  Falta eficiencia no goberno. Nos últimos tres exercicios orzamentarios deixaron sen executar un de cada tres euros de gasto productivo, 2.072 millóns de euros. E imos a peor. No ano corrente está sen executar o 82%. E con prioridades erróneas, exemplo, cen millóns de euros en informática da administración, cero euros en vivenda social, que crea emprego.

Aceptaron adiar o novo financiamento autonómico, resignándose a menos recursos para os anos inmediatos. Clamaban contra modeloo cando gobernaba Zapatero e chegado o momento, deciden prorrogalo. Non queren consensuar no Parlamento as necesidades financieiras coa axuda de expertos. Aceptan que o Estado minore as subvencións finalistas nun 60%. Con Zapatero, eran 570 m€/ano, con Rajoy 224 m€

Seguimos preocupados con Abanca. O FROB vendeuna por mil millóns de euros. Un ano máis tarde, os auditores indican que vale máis do doble. Non hai nada que explicar?. As retribucións dos membros do Consello de Administración son de 600.000 euros anuais. As perdas da banca sufragadas polos cidadáns cos seus impostos, os beneficios privatizados para uns poucos, o crédito pechado. E a Xunta entrega o monopolio da antigua obra social das Caixas a unha empresa, vetando de facto a presencia doutras. Como veta a esixencia de responsabilidades na esquencida comisión parlamentaria de investigación .

III- ESTADO DE BENESTAR EN LIQUIDACIÓN
 
SANIDADE

O sistema de saúde era modélico. Era universal, equitativo e gratuito, baseado nunha rede de establecementos públicos e no carácter subsidiario da asistencia privada mediante concerto. A presión progresiva de intereses mercantís, está alterando esos principios. A universalidade está cuestionada e a gratuidade quebrada coas taxas e copagos xeneralizados. A saúde comenza a ser un ben de consumo.

A presión empresarial está modificando a relación entre o sector público e o sector privado sendo o novo Hospital de Vigo o exemplo. Asistencia clínica pública prestada en instalacións privatizadas, con todolos servizos tamén privados, obrigando a un novo modelo de relacións asistenciais onde os facultativos terán que negociar con outros axentes as condicións da prestación.

Descapitalizan a sanidade pública. Eliminaron 460 m€ e 2000 postos de traballo. Pecharon definitivamente 275 camas hospitalarias. Paralelamente sustraen do sector público en beneficio da mercantilización, dende a investigación ata a historia clínica confidencial dos pacientes, pasando por todolos aspectos tecnolóxicos e distintos procesos de apoio. Porfian en fórmulas de xestión e retribución rexeitadas polos profesionais. Retroceden en Saúde mental, planificación familiar, atención de toxicomanías, mesmo na vacinación dos menores, recortan nos hospitais comarcais. Cada vez que falan de racionalizar, producese un deterioro. Exemplo, a central de compras, tamén privatizada, ten derivado en escaseza de material sanitario e abondosas queixas por retrasos e peor calidade.

Nos últimos 35 anos, o PP non quixo pactar nengunha norma educativa, sempre opostos a medidas igualitarias. É opinable a Educación para a Cidadanía. Pero non é opinable a evidencia internacional sobre a igualdade de oportunidades. Coa LOMCE insisten en modelos fracasados como a segregación temperá mediante probas reválidas ou vías mortas como a Formación Profesional Básica, que xa fracasou en 1970. Unha vía improvisada, sen recursos co único fin de maquillar as elevadas taxas de abandono.
Coa segregación temperá e irreversible e a reducción da cuantía das becas, volve a discriminación social pola orixe familiar, renta e capital cultural. Un teito de cristal inexorable para os menos acomodados.
A Xunta menospreza a excelencia no ensino. Os resultados PISA, aceptables globalmente, son preocupantes nos niveis máis altos. Por exemplo en Matemáticas. Non parece existir preocupación na Consellería. Como non existe preocupación diante do retraso ou fracaso escolar. Aos 15 anos, nove puntos maior que no País Vasco por exemplo.  Eliminaron mil douscentos profesores, suprimiron 400 millóns de euros, reduciron as axudas para libros e os recursos dos centros educativos.
O financiamento universitario, retrocedeu nove anos. Por exemplo a Universidade de Santiago perdeu 180 m€. Suprimiron 500 profesores e eliminaron investigadores. A contía das becas baixou.

A Xunta ignora a cultura. Pasou a ser un departamento decorativo. Industrias culturais e audiovisuais abandoados, creadores ignorados, patrimonio limitado ó eclesiástico, lingua silenciada, bibliotecas sen recursos. Nunca na historia da autonomía a cultura recibiu menos atención.

DESIGUALDADE SOCIAL E POBREZA

A depauperación da sociedade galega se resume nunha cifra: 534 m€ retirados dos orzamentos. Non existe unha rede asistencial privada que poida suplir a retirada dos poderes públicos. O esforzo benemérito de organizacións relixiosas ou laicas, que no último ano atenderon a 450.000 persoas, representa un oasis nunha paisaxe catastrófica. Unha sociedade igualitaria reclama unha rede pública que garanta a equidade e universalidade no acceso.

Precarizaron os servizos sociais dos concellos menores de 20.000 habitantes e recortaron dous terzos do plan concertado. Están impulsando a privatización e baixando a calidade e a especialización dos servizos. Impoñen taxas, copagos e menor cobertura no transporte para as persoas con dificultades de mobilidade, nos servizos de axuda no fogar, residencias e centros de día, escolas infantís, teleasistencia, etc.

Hoxe están atendidas menos persoas dependentes que hai tres anos. Incrementaron as listas de espera e duplicaron os copagos pero o gasto por habitante é inferior á media estatal. 17000 persoas con dereito recoñecido non reciben atención.

Qué lle ofrecen á xuventude? Nin traballo, nin salarios decentes, nin valoración do estudo. No seu lugar, emigración, subemprego ou paro. Por si os mozos non entendían, eliminaron as rendas básicas de emancipación e disminuíron a contía das becas. Así perdimos nunha xeneración, 118.000 persoas mozas, o 17% desa cohorte de edade. A capacidade desos mozos, no tramo máis productivo da sua vida, perdese.

A política de emigración desapareceu. Facenda está reclamando masivamente ós pensionistas emigrantes. Ignorando o acordo pactado nesta Cámara. Non actuan para evitar a dobre imposición. 

IV- DEGRADACIÓN DE VALORES

 A política debe estar presidida pola xustiza na distribución de cargas e beneficios e pola ética das actuacións. Da falta de xustiza na sua política levo expostos moitos datos. . Hai uns días o novo portavoz do Partido Popular declaraba que a corrupción é un problema individual.. Por desgraza é un problema estrutural que so pode abordarse con decisión, con estratexia, que esixe pactos e con visión de longo prazo. Permitiron crear no Parlamento, a instancias deste Grupo, unha Comisión de estudo pero vetaron que houbera acordos.

Non é creible que o pluralismo social se reflicta na Cámara con menos representantes. Nin é aceptable que a minoría do 40% goberne sobre a maioría do 60%. 

VI- CONCLUSIÓN
Só poderemos falar de recuperación cando os dereitos sociais sexan recuperados, os servizos públicos volten á normalidade, o poder adquisitivo das persoas permita un nivel de vida digno, cando os que tiveron que marchar poidan retornar, cando entrar no paro non siñifique unha condena, cando o ensino e a saúde volvan a estar baseados na igualdade. 

martes, 30 de septiembre de 2014

TVG

A Lei 9/2011, dos medios públicos de comunicación de Galicia, foi promulgada o 16 de decembro dese ano. Tres anos máis tarde permanece bloqueada polo Goberno. O debate da lei foi precedido dunha Ponencia conxunta na Cámara que convocou en audiencia a 30 persoeiros para compartir as suas reflexións. No inicio do proceso, o portavoz popular expresaba que coa nova lei: “Mellorase a xestión, a independencia, a democratización dos nomeamentos, maior esixencia, reducción de custos, mellora do control”. Tres anos máis tarde semella que esos principios xa non son válidos para a Xunta, que amosa vontade de peor xestión, menor independencia, menor democratización, e sobre todo menor control.
Para qué serviron as comparencias do Consello da Cultura, de representantes doutras televisións, dunha ampla delegación da industria audiovisual, de xornalistas varios, mesmo do Colexio de Xornalistas, de catedráticos de universidade e diferentes expertos? Como ten acontecido  na Comisión de Investigación sobre as Caixas de Aforro, paralisada por molesta, ou na Comisión de Estudo para a Prevención da Corrupción, paralisada por contradictoria coa acción do goberno, os procedementos participativos están servindo para lavar a imaxe do Goberno, máis pechado que nunca a calquera atisbo de pluralismo.
A lei vixente foi aprobado pola 80% dos votos do Parlamento. Un amplo respaldo, pouco habitual, para unha lei que debería de suponer a adaptación da RTVG ás necesidades da comunicación do século XXI. A pregunta é obvia. Ten algún sentido pactar algo con este goberno?. Ou máis xenéricamente, Serve para algo este Parlamento? Usurpada a función lexislativa en beneficio do goberno, afogada calquera iniciativa de diálogo constructivo, incumplidas centos de veces as obrigas regulamentarias do Goberno verbo da Cámara, como canle das demandas cidadás,o Parlamento é hoxe un muro das lamentacións ou campo de discordia permanente. Lembremos que o  Parlamento existe para encauzar o conflicto social e ordenar as discrepancias.
A RTVG consume 90 millóns de euros procedentes dos impostos dos cidadáns. Cumple distintas funcións, pero incumple gravemente a primeira, ofrecer unha información veraz e plural. Non é o problema dos profesionais, sinon dos directivos, que limitan e cercenan a autonomía e probidade dos xornalistas, para ofrecer a visión sesgada da realidade que dicta a Presidencia da Xunta. Por eso o Sr. Feijoo non permite que a lei aprobada entre en funcionamento. Evoluir cara unha información plural, amosaría o traxe do emperador.
Repasemos o minutado dos últimos meses. Mes de abril, Feijoo aparece once veces máis que o Sr. Gómez Besteiro, dirixente do primeiro grupo da oposición. Mes de xuño, Feijoo aparece en pantalla nove veces máis. En tempo, 216 minutos, tres horas e media. Como en Cuba. Ademáis das numerosas novas dos Conselleiros e membros do Executivo, sempre baixo o prisma informativo máis favorable. As informacións sobre a oposición resaltan os aspectos negativos ou conflictivos.
A lei ten catro mandatos básicos:
-Aprobación do Mandato Marco, documento que establece as líneas de funcionamento da Radio e Televisión de Galicia. Ten que ser aprobado con maioría cualificada
- Aprobación pola Xunta dun Contrato Programa que debe garantir o financiamento da CRTVG para un período de tres anos.
- Consenso para designar a nova Dirección da CRTVG.
- Creación dos Consellos de Redacción na Radio e Televisión de Galicia.
Velaí as cuestións polas que o PP ten paralizada a aplicación da Lei. Porque pasa de televisión de partido e de instrumento de goberno, a televisión pública, ó servizo dos cidadáns.
Progresivamente, á perda de credibilidade, engadese a perda de audiencia. A Televisión galega está rexistrando os peores datos da sua historia, que empeoran cada mes. Unha televisión menos relevante, hiperpolitizada, ó servizo do partido Popular. Un modelo insostible. E por riba na franca ilegalidade.





jueves, 4 de septiembre de 2014

SETE REFLEXIÓNS SOBRE A ELECCIÓN DE ALCALDES


1. NON EXISTEN PROBLEMAS DE GOBERNABILIDADE NOS CONCELLOS

A Constitución, no artigo 140 sinala: “Os Alcaldes serán elexidos polos Concelleiros ou polos veciños”. Dende 1979 a lei electoral optou pola elección a medio dos Concelleiros. Na actualidade o grupo maioritario conta cun plus de representación a través da lei D´Hondt, que se aplica na distribución de Concelleiros. Obviamente, cando unha lista ten a maioría absoluta de votos, tamén conta coa maioría absoluta da Corporación. Caso contrario opera o principio de maioría política na Corporación, mediante os pactos entre Grupos políticos, igual que nos Gobernos estatal e autonómicos.
A nova proposta do PP, da que non se coñece o texto, apunta a primar coa Alcaldía ó grupo que acada o 40%, que tería enfronte ó 60% do electorado. Nin se propon unha segunda volta, como existe en Francia, nin unha elección directa do Alcalde, posibilidade existente na Constitución.
O único caso de desgoberno en Galicia, ten acontecido no Concello de Santiago, gobernado con maioría absoluta polo PP. Tres Alcaldes en tres anos, agora ostenta a Alcaldía quen figuraba no derradeiro posto da candidatura e gobernan con persoas non electas (sete Concelleiros non electos dun total de trece) que foron designados polo seu partido e non polos electores.
  1. NON EXISTE UNHA DEMANDA SOCIAL, NIN GRANDE NIN CATIVA
Nin nas enquisas do CIS nin noutras fontes sociolóxicas. Os Concellos non son percibidos como problema e teñen unha aceptable valoración.
  1. NON HAI CONSENSO POLÍTICO, NIN EXISTE DIÁLOGO
As reformas da lei electoral durante a democracia, foron consensuadas. Por primeira vez o Goberno de España manifesta o seu obxectivo de rachar co consenso nunha norma que forma parte do bloque constitucional. Abrese un precedente que terá consecuencias negativas no funcionamento democrático das institucións, sesgando as normas en función dos intereses partidistas do Goberno de turno. Igual que o PP tenta facer coa lei electoral galega.
  1. NON RESOLVE PROBLEMAS PERO CREA CONFLITOS
Os Alcaldes terán minoría social e polo tanto falta de lexitimidade para adoptar decisións. A conflictividade social e política será maior e a autoridade moral dos Alcaldes, menor. As institucións sufrirán desgaste e descrédito. A función moderadora dos poderes públicos será sustituida polo oportunismo partidista.
  1. PERSIGUE ESPÚREAMENTE O QUE NON CONSIGUE DEMOCRÁTICAMENTE
Coa reforma o Goberno parece renunciar a dous obxectivos. Dunha banda á consecución da maioría absoluta de votos. Doutra, á capacidade de acadar pactos de gobernación, coas vantaxes que teñen para conformar políticas de maior respaldo social. Os gobernos de coalición son habituais nas sociedades democráticas.
O PP goberna en maís de cen Concellos españois onde non é a lista máis votada. En Extremadura goberna en coalición con IU.
  1. O GOBERNO ESTÁ DEBILITANDO ÓS CONCELLOS 
    A recente Lei de racionalización da Administración Local expropia competencias sociais dos en beneficio das Deputacións Provinciais, que carecen de capacidade para xestionalas e polo tanto tenderán á privatización. Ademáis adiase o cumprimento do Pacto Local.
    Feijoo e a Xunta de Galicia, veñen defendendo a fusión de Concellos pero sen intención real de abordar os problemas de financiamento e xestión, como se comproba no caso de Oza-Cesuras, imposto de costas ós veciños e baseado en información sesgada.A defensa das Deputacións Provinciais, difícilmente sostibles no Estado autonómico, non vai acompañada, nas que gobernan, de experiencias de xestión innovadoras, nin na prestación de servizos, nin na eficacia.
  1. LONXE DE REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA ESTAMOS NUNHA INVOLUCIÓN INSTITUCIONAL
En Galicia, como en Castela-Mancha, o PP modifica os Parlamentos autonómicos para garantirse a maioría e reducir o pluralismo. En Galicia as institucións pretendidamente autónomas, están reducidas a órganos do PP. A nova lei da TVG, pactada hai tres anos, está bloqueada. O Consello de Contas, dirixido por recoñecidos dirixentes populares, o Valedor do Pobo, en funcións dende hai dous anos.
Igual que no ámbito estatal acontece coa Comisión Nacional do Mercado de Valores, ou a Comisión dos Mercados e da Competencia, onde calquera atisbo de independencia foi cercenado.
O PP non cree no afortalamento da sociedade civil, nin na necesidade de órganos reguladores independentes, nin na extensión da participación social. Só no control e na ocupación de todo o espazo público.




sábado, 9 de agosto de 2014

PODEMOS NO ES EL PROBLEMA

Un gran número de comentaristas de prensa están saludando con alborozo la tendencia creciente que las encuestas atribuyen a la nueva formación Podemos. Entre ellos muchos  que colaboran en los medios más defensores del pensamiento conservador. En paralelo, el CIS detecta hasta ocho puntos de diferencia del PP sobre el PSOE. Ambos fenómenos se explican mutuamente. El nuevo grupo político no inquieta a la mayoría conservadora, ni siquiera compite directamente con ella. Como ninguna medida sobra, la facción más radical de los conservadores, liderada por Esperanza Aguirre, ya ha iniciado una campaña contra el nuevo grupo, tratando de cohesionar a su ya estable electorado.

Podemos está compitiendo directamente y de forma muy deliberada, con la izquierda clásica, PSOE e IU. A ésta porque ocupa su espacio electoral claramente y al socialismo porque es la única alternativa real de gobierno. Para hacerlo trata de mantener la ambigüedad programática el máximo de tiempo posible y reducirse a esloganes o titulares efectistas: casta, corrupción, "otra forma", etc. Mientras enarbola unos principios básicos de amplio espectro: populismo, radicalismo, participación y, de forma inicialmente sorprendente, España.

Que el populismo de todos los signos tiene recorrido, se acaba de constatar en todos los países europeos, donde las candidaturas antieuropeas, radicales o extremistas, de distinto color, han obtenido resultados históricos.

Pero Podemos no es la causa que provoca desafección en otros electorados, sino una consecuencia política de la crisis económica y de la crisis política, de credibilidad y en parte de legitimidad, que atenaza a la sociedad. Hay indicios de que el PP ha captado los mensajes y que acelerará las reformas que le interesan.

 La primera entrevista del nuevo SG socialista, Pedro Sánchez, avanza enfoques nuevos de política económica e ideas claras sobre otros asuntos. En la medida que esas primeras ideas se transformen en propuestas firmes, viables, creíbles estaremos en el camino de recuperación electoral. El calendario es favorable, pues los próximos  comicios serán locales y autonómicos (éstos en 13 CCAA) y por tanto la política de proximidad y el perfil de los candidatos tendrá mayor peso en los resultados. Elegir a éstos mirando hacia fuera de la organización y no solo a los grupos de presión internos, puede representar la diferencia entre buenos y peores resultados. De nosotros depende y no de otros por mucha atención que ahora reciban.

viernes, 8 de agosto de 2014

LECTURAS DE VERÁN

                                            
Un dos académicos máis coñecidos e polémicos, canadiense, logo de trinta anos como profesor en Oxford, Cambridge e Harvard, retorna ó seu país como deputado e candidato a primeiro ministro. O seu partido tivo os peores resultados da historia. Logo de cinco anos como parlamentario e líder da oposición, retorna á universidade e plasma neste libro a distancia entre o lume da paixón política e a cinza na que queda a esperanza.

Libro de lectura amena, nada desencantado, no que se retratan as liortas internas dos partidos, a deslealtade habitual, a inseguridade na que se move un político electo, as virtudes necesarias e as cargas inevitables. Malia as críticas que formula a alguns xeitos de funcionamento dos Estados modernos, en especial dos baseados no sistema de partidos, o libro remata cun extraordinario cántico á participación política e á necesidade da mesma.

Nas nosas latitudes, onde existe unha extrema deslexitimación da actividade política, nada inocente, o retrato do funcionamento da mesma, da sua contribución ó bo goberno da sociedade, e do seu papel de intermediación social, resulta do meirande interese para calquera persoa e de recomendable lectura para quen exerza un cargo público.

lunes, 4 de agosto de 2014

FUNDACION GALICIA OBRA SOCIAL

Con ese nome foi constituida o pasado mes de xuño a Fundación herdeira da antiga Obra social das Caixas de Aforro galegas. Por separado, ambas entidades sen ánimo de lucro xestionaban 83 millóns de euros no ano 2010, hoxe, fusionadas, xestionan 31 millóns de euros.

Os activos da Fundación están valorados en 297 millóns de euros. Entre os activos principais compre suliñar:
a) ámbito cultural: 5.600 obras de arte e o Centro Cultural García Barbón
b) ámbito formativo: Escola de Negocios de Vigo, Centro de Formación de Coruña, dous centros de Formación Profesional con 700 alumnos, tres Escolas Infantís con 225 alumnos, unha residencia de estudantes con 125 prazas
c) ámbito sociosanitario: seis centros de maiores con 970 prazas
d) Monte de Piedade, con 4500 créditos concedidos

Para xestionar esos edificios, 35 deles operativos,  e os servizos prestados,  a entidade conta con 250 empregados.

A partires da fusión das antigas Caixas, a Fundación foi dirixida pola Conselleria de Facenda. Dacordo cos Estatutos aprobados, o futuro Padroado estará constituido como segue:
- 7 representantes das grandes cidades
- 4  das Deputacións
- 4 do Parlamento
- 3 da Xunta
- 1 dos traballadores

Ademáis o Padroado sainte asinou un convenio coa entidade ABANCA, polo que ésta disporá de 9 representantes a cambio dunha aportación mínima de 5 m€ anuais  durante 30 anos, cantidade que se corresponde co déficit anual estimado. Finalmente os Estatutos contemplan a posibilidade de incorporación doutras entidades que poidan desempeñar funcións de mecenado.

O proceso tense caracterizado pola opacidade cun resultado final sorprendente. A entidade ABANCA, cun 16% de financiamento, terá o 32% dos votos. O Partido Popular designará o 43% dos representantes. Mesmo o Presidente parece estar decidido antes de constituirse a Fundación, según  esta nova que ademáis informa dalgunhas prácticas pouco ortodoxas.

É previsible un cambio das prioridades de gasto da Fundación, toda vez que caída do orzamento fai inviable a actividade do pasado. Alguns dos Centros ou actividades, atravesan xa unha crise de identidade, como a Escola de Negocios, ou a política cultural.

Definir a actividade territorial, os ámbitos de actuación, e os principios que deben presidila, será unha tarea que implica ós poderes locais e que non pode ser deixada exclusivamente nas mans da entidade financieira, que non é propietaria da Fundación, nin dos intereses da Xunta de Galicia, que controlará a maioría. O proceso opaco seguido ata agora non axuda a confiar no futuro.