martes, 30 de septiembre de 2014

TVG

A Lei 9/2011, dos medios públicos de comunicación de Galicia, foi promulgada o 16 de decembro dese ano. Tres anos máis tarde permanece bloqueada polo Goberno. O debate da lei foi precedido dunha Ponencia conxunta na Cámara que convocou en audiencia a 30 persoeiros para compartir as suas reflexións. No inicio do proceso, o portavoz popular expresaba que coa nova lei: “Mellorase a xestión, a independencia, a democratización dos nomeamentos, maior esixencia, reducción de custos, mellora do control”. Tres anos máis tarde semella que esos principios xa non son válidos para a Xunta, que amosa vontade de peor xestión, menor independencia, menor democratización, e sobre todo menor control.
Para qué serviron as comparencias do Consello da Cultura, de representantes doutras televisións, dunha ampla delegación da industria audiovisual, de xornalistas varios, mesmo do Colexio de Xornalistas, de catedráticos de universidade e diferentes expertos? Como ten acontecido  na Comisión de Investigación sobre as Caixas de Aforro, paralisada por molesta, ou na Comisión de Estudo para a Prevención da Corrupción, paralisada por contradictoria coa acción do goberno, os procedementos participativos están servindo para lavar a imaxe do Goberno, máis pechado que nunca a calquera atisbo de pluralismo.
A lei vixente foi aprobado pola 80% dos votos do Parlamento. Un amplo respaldo, pouco habitual, para unha lei que debería de suponer a adaptación da RTVG ás necesidades da comunicación do século XXI. A pregunta é obvia. Ten algún sentido pactar algo con este goberno?. Ou máis xenéricamente, Serve para algo este Parlamento? Usurpada a función lexislativa en beneficio do goberno, afogada calquera iniciativa de diálogo constructivo, incumplidas centos de veces as obrigas regulamentarias do Goberno verbo da Cámara, como canle das demandas cidadás,o Parlamento é hoxe un muro das lamentacións ou campo de discordia permanente. Lembremos que o  Parlamento existe para encauzar o conflicto social e ordenar as discrepancias.
A RTVG consume 90 millóns de euros procedentes dos impostos dos cidadáns. Cumple distintas funcións, pero incumple gravemente a primeira, ofrecer unha información veraz e plural. Non é o problema dos profesionais, sinon dos directivos, que limitan e cercenan a autonomía e probidade dos xornalistas, para ofrecer a visión sesgada da realidade que dicta a Presidencia da Xunta. Por eso o Sr. Feijoo non permite que a lei aprobada entre en funcionamento. Evoluir cara unha información plural, amosaría o traxe do emperador.
Repasemos o minutado dos últimos meses. Mes de abril, Feijoo aparece once veces máis que o Sr. Gómez Besteiro, dirixente do primeiro grupo da oposición. Mes de xuño, Feijoo aparece en pantalla nove veces máis. En tempo, 216 minutos, tres horas e media. Como en Cuba. Ademáis das numerosas novas dos Conselleiros e membros do Executivo, sempre baixo o prisma informativo máis favorable. As informacións sobre a oposición resaltan os aspectos negativos ou conflictivos.
A lei ten catro mandatos básicos:
-Aprobación do Mandato Marco, documento que establece as líneas de funcionamento da Radio e Televisión de Galicia. Ten que ser aprobado con maioría cualificada
- Aprobación pola Xunta dun Contrato Programa que debe garantir o financiamento da CRTVG para un período de tres anos.
- Consenso para designar a nova Dirección da CRTVG.
- Creación dos Consellos de Redacción na Radio e Televisión de Galicia.
Velaí as cuestións polas que o PP ten paralizada a aplicación da Lei. Porque pasa de televisión de partido e de instrumento de goberno, a televisión pública, ó servizo dos cidadáns.
Progresivamente, á perda de credibilidade, engadese a perda de audiencia. A Televisión galega está rexistrando os peores datos da sua historia, que empeoran cada mes. Unha televisión menos relevante, hiperpolitizada, ó servizo do partido Popular. Un modelo insostible. E por riba na franca ilegalidade.





No hay comentarios:

Publicar un comentario