miércoles, 24 de febrero de 2016

UN FRACASO DE SETE ANOS


Abrahán Lincoln, un dos principais Presidentes da historia de Estados Unidos, firme defensor da Unión e anti-esclavista, foi ademais un brillante orador. Nunha frase célebre afirmaba que “se pode enganar a moitos durante pouco tempo, ou a poucos durante moito tempo, pero non é posible enganar a moitos sempre”. O Presidente Núñez Feijóo tentouno. Sete anos máis tarde, as promesas resultan mentiras e os compromisos, fume. Mesmo na xestión dos recursos mais abondosos do país, vento e mar, o fracaso é constatable.

No sector eólico prometeron crecemento e seguridade. Foron sete anos de errores políticos, chapuza técnica e fracaso económico. Hoxe estamos na parálise absoluta, na inseguridade xurídica extrema, no engano ós investidores. En cifras, ningunha instalación nova, 6000 millóns de euros en investimentos, perdidos, 13000 empregos prometidos, inexistentes. Paralelamente co aplauso do goberno galego, o Executivo de Rajoy liquidou a rendibilidade do sector mediante a supresión das primas á produción.

No mar, como dirixente da oposición, Feijóo era hipercrítico co Plan de Acuicultura do anterior goberno. Falando de máis, algo habitual, dixo que co seu futuro goberno estariamos á cabeza de Europa. Durante sete anos tentaron actuar en lugares prohibidos pola normativa comunitaria, logo aprobaron unha denominada estratexia de acuicultura, baleira de contido, Agora propoñen un proxecto de lei amplamente rexeitado. En cifras, nin un metro cadrado de novas instalacións, agás unha planta en Muros que foi autorizada polo anterior goberno.

A principal produción da acuicultura galega está nas 3.400 bateas de mexillón, onde somos unha potencia internacional. Na lei, ese cultivo nin se cita, nin se prevé ningunha medida de potenciación. Con máis de catro mil empregos e unha produción que representa o 95% da produción española o sector é ignorado no texto. Trátase dun sector dabondo regulado, que non demanda unha nova lei, sino melloras de xestión que potencien a produción como novas zonas de cultivo, mellor control de toxinas, ampliar o calendario de extracción, etc.

Nos anos de oposición, Núñez Feijóo foi irresponsable, utilizando a empresa Pescanova para atacar ó anterior plan de acuicultura. Plan que, a diferencia do actual, foi elaborado co consenso dos sectores do mexillón e do marisqueo. Mesmo chegou a utilizar Pescanova cun pretexto absolutamente ilegal, tan ilegal que antes e como Conselleiro de Política Territorial informou negativamente, ata cinco veces o que logo defendía dende a oposición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario