(discurso no Parlamento)
O
Partido Popular ten unha estrana relación coa cultura,
presidida polo conflito e pola desconfianza. Nos últimos anos ten
derivado en actuacións incomprensibles e de efectos nefastos. dende
a imposición do tipo máximo do IVE ós produtos culturais, ata os
conflitos cos sectores do cine e do teatro, alimentados
deliberadamente por un ministro de infausta memoria.
Nos
últimos meses, numerosas entidades e asociacións representativas
dos escritores, artistas e creadores uniron as súas forzas nunha
plataforma común, oportunamente chamada “Seguir Creando”.
Participan organizacións de ámbito estatal como CEDRO, SGAE ou
VEGAP, e tamén dos ámbitos galego, vasco e catalán.
Sumáronse para demandar a modificación do Real Decreto Ley 5/2013, “de medidas para promover a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo”. Un titulo ambicioso para unha norma que sin embargo encubre unha operación de expropiación dos dereitos da propiedade intelectual, obrigando ós autores que alcancen a idade correspondente a optar polo réxime de xubilación parcial, si os dereitos de autor superan en contía ó salario mínimo interprofesional, 9000 euros anuais. Sen motivación coñecida, cunha norma allea ó acervo europeo.
A
interpretación que están a facer, tanto o Ministerio de Facenda
como a Seguridade Social, indica un descoñecemento do réxime dos
dereitos de autor, mesmo das condicións reais de traballo e ingresos
dos autores. Tamén un claro menosprezo pola cultura.
Trátase
dun cambio lexislativo innecesario, de mínimo efecto fiscal
pero profundamente lesivo para as máis de cen mil persoas
sometidas ó réxime de dereitos de autor derivado da propiedade
intelectual sobre a sua propia creación. Son escritores pero tamén
músicos, pintores, fotógrafos, músicos, académicos, tradutores,
etc.
Aínda
que non existen estatísticas fiables, distintas estimacións
calculan que menos do dez por cento dos autores poden vivir
exclusivamente do produto da sua creación. A inmensa maioría deben compatibilizar durante toda a sua vida, o labor de creación con
outras fontes de ingresos. Mesmo os que declaran vivir
exclusivamente da sua creación, inclúen na mesma actividades como
impartir cursos, ditar conferencias ou colaborar nos medios de
comunicación.
Cando se aproban amnistías fiscais e se beneficia ás rendas máis altas
na reforma do IRPF, os autores son castigados sempre que perciban
máis de 9000 euros anuais por dereitos. Dito noutras verbas,
percibir pensión é compatible con ingresos derivados das rendas
do capital, con ter unha Sicav, coas rendas do patrimonio
inmobiliario, con dividendos por valores, coa percepción de plans de
pensións, pero non cos dereitos de autor. Será un estigma para o
goberno a condición de creador? O modelo social é un especulador
antes que un artista?
Foi
Picasso quen dixo “si me chega a inspiración que me colla
traballando”. O estro poético ou a inspiración artística non son
constantes, nin toda obra de creación achega rendementos ó seu
autor. Con frecuencia dependerá de factores alleos e imprevisibles,
como a recepción pública, os intermediarios, a crítica, a
oportunidade, as tendencias de moda. Así autores que no seu momento
pasan desapercibidos son recuperados moitos anos máis tarde, mesmo
despois da sua morte. Os exemplos son ben coñecidos, dende Cervantes
a Kafka, pasando por Melville, Pessoa ou máis recentemente Stieg
Larsson ou Roberto Bolaño. E poderiamos falar de escritores que
recibiron o recoñecemento en idades tardías como Saramago ou, entre
nos, Eduardo Blanco Amor.
En
consecuencia, os ingresos son irregulares de ano en ano. As veces fanse adiantos editoriais a conta, polos que se tributa
fiscalmente no exercicio correspondente e que logo se descontan
anualmente dos dereitos de autor.
Logo
que se pretende con esa norma? Forzar ós creadores na idade de
xubilación a castrar o seu talento? Quérese privar á sociedade da
sua obra? Deberán as Academias, por exemplo, prescindir dos
seus membros de maior idade que por imperativo legal non poderán
seguir creando? Con mordacidade un ex-ministro galego e autor coñecido,
César Antonio Molina, reclamaba días pasados a supresión dos
premios oficiais pois poderían ser incobrables polos beneficiarios.
Estamos
diante dun disparate administrativo e dunha medida absurda que
desprestixia gratuitamente a un goberno e a unha administración.
Doutra
banda falamos dun problema que transcende ós propios creadores e
afecta a toda a sociedade, mesmo as características esenciais que
nos definen como comunidade, pobo ou nación. A cultura é parte
esencial da imaxe pola que nos recoñecen os outros. Limitala
artificialmente, ademais de tarefa vana, é contrario ós intereses
xerais.
Hoxe
vivimos unha efervescencia creadora con múltiples manifestacións
que superan as tradicionais diferencias entre xéneros. Esa
explosión creadora non funciona con horarios, nin con criterios
burocráticos. Necesita respecto, apoio e non trabas, porque toda
a sociedade beneficiase dese labor. O froito da creación literaria
por exemplo pasa a ser de dominio público permanente e por tanto
patrimonio colectivo, ós 80 anos da morte do creador, algo que non
acontece por exemplo coa propiedade inmobiliaria. Velaí o tempo
máximo durante o que o autor pode recibir unha compensación polo
seu traballo. Preguntámonos, que razón de perxuízo colectivo pode
invocarse para imposibilitar ese dereito a partires dunha idade?
Os
autores veñen demandando a suspensión das inspeccións fiscais e a
parálise dos procedementos sancionadores aplicados ó abeiro desa
normativa, a modificación da mesma e unha nova normativa máis
ambiciosa e adaptada ás necesidades específicas dos creadores. este
grupo xa ten rexistrado no congreso dos deputados unha proposición
nese sentido. Hoxe
propoñemos eiquí sumar a nosa voz a unha xusta demanda dos nosos
autores e trasladala ó novo goberno de España a quen corresponde
modificar esa norma lesiva e protexer á creación.
Dúas
consideracións finais. A cultura ten un peso relevante na nosa
sociedade. Representa o 3´5% do PIB español e arredor do 2% do PIB
galego, máis que moitos sectores produtivos. Da emprego en España
a medio millón de persoas e a 30.000 en Galicia. Provoca 19 millóns
de viaxes anuais que repercuten noutros sectores da economía.
O
pasado sábado, na entrega dos premios Goya, o Presidente da Academia
do Cine ofrecía un dato sorprendente: cada minuto son descargadas no
noso país 1500 películas pirateadas, que non pagan os
correspondentes dereitos de autor. Un problema legal, sen dúbida,
pero tamén un problema social. Porque cada minuto 1500 persoas están
roubando o prezo que retribúe á cadea de valor dos produtos
culturais, industria, intermediarios, autores. Si desaparece esa
cadea de valor, desaparece o produto cultural. Algo semellante,
salvando as distancias, podería dicirse da industria editorial, da
discográfica e doutras.
Vivimos
nunha pos-modernidade na que os tradicionais “maîtres á penser”,
os intelectuais que enmarcaban o debate de ideas e tendencias, teñen
sido substituídos polo “pensamento blando”, que ten a sua máxima
expresión nos medios audiovisuais e nas redes sociais. Sin embargo,
máis persoas que nunca fan creación artística ou literaria,
experimentan, confrontan e dialogan nese eterno palimpsesto de ideas
o que chamamos cultura. Ese potencial creador é tamén liberador.
Cumpre a mesma función que antes os pensadores de referencia. En
Occidente, esa creación, na sua plural manifestación, enriquece a
sociedade e permite un desenvolvemento de ideas e valores, que noutras
latitudes e culturas envexan.
Facelo
posible é obriga de todos. A creación non é froito da lei, nin da
norma, menos da coerción. É a esencia da liberdade.
O
Parlamento de Galicia, logo do debate anterior, aprobou por
unanimidade a seguinte Proposición:
“O
Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a demandar do
Goberno de España:
1.
A modificación da normativa necesaria para permitir a
compatibilidade da percepción das pensións coas derivadas dos
dereitos de autor.
2.
A abordar coas organizacións representativas do sector e coas
entidades de xestión dos dereitos de autor, un “Estatuto do
Creador(a)” que contemple os diferentes tipos de situacións
profesionais e os correspondentes mecanismos de protección social
como salvagarda dos dereitos dos creadores(as).”
Hai algo mais sixelo.
ResponderEliminarAlguén pode explicar que un escritor non poda traballar se cobra pensión e polo contrario un médico pode facer o qu elle pete?
Por favor que deixen traballar os creadores que non lle rouban o traballo a ninguén e limiten o traballo a quen xa cobra pensión, especialmente a os médicos.
É tempo de non ter prohibicións se non se traballa por conta allea.