martes, 10 de junio de 2014

RESIDUOS


O Goberno central publica hoxe o Real Decreto-Lei que modifica totalmente a retribución das instalacións productoras de enerxías renovables, coa protesta global dos sectores afectados. A Xunta ten sido cómplice do novo deseño.Asistimos á liquidación do sector eólico galego, outrora hexemónico no Estado, e hoxe abocado a non poder medrar. As grandes compañías eléctricas, un dos principais lobbys económicos de España, impoñen a sua reforma ó Ministerio, coa complicidade do goberno galego, que chega a extremos de submisión. O goberno galego foi un dos poucos executivos territoriais que non fixo alegacións ó Real Decreto-Lei aprobado o pasado venres, durante o trámite da audiencia aberto pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.


Agora se nos fala da insostibilidade de SOGAMA. Son tres alomenos os motivos para esta afirmación.

En primeiro lugar a sostibilidade medioambiental. Este grupo non vai defender posicións fundamentalistas de nengun tipo. Limitaremonos o marco vixente na Unión Europea, que establece unha xerarquía de prioridades no tratamento dos residuos sólidos urbans, que son, por esta orde, Reducción, Reutilización, Reciclaxe, Valorización e Soterramento. Pode resumirse a situación galega decindo que as duas últimas solucións europeas, son as duas primeiras galegas. Evidentemente, algo está mal en Galicia.

A realidade social e económica ten evoluido moito e a sensibilidade medioambiental tamén, dende a creación de SOGAMA. O noso referente actual son os países avanzados da Unión Europea onde as taxas de reciclaxe e compostaxe multiplican por varios díxitos ás galegas, que son simbólicas. Reciclamos menos do dous por cento según a web da propia sociedade, 11000 Toneladas sobre un total de 790000 Tm tratadas.

Incineramos 239 kg por habitante, moi por riba das cifras da meirande parte dos países, pero reciclamos menos e a compostaxe é simbólica. Mesmo os países europeos con maiores taxas de incineración enerxética, teñen tamén cifras relevantes de reciclaxe e de compostaxe e cifras mínimas de soterramento. En Galicia non se incinera máis porque literalmente non hai capacidade. De feito a proposta da Xunta era a construcción dunha nova planta no sur, ó abeiro do concurso eólico. Cando éste fracasou, a Xunta propuxo ampliar a planta de Cerceda para seguir valorizando, é decir incinerando.

O sistema así deseñado, ten incentivos perversos. En ausencia de obxectivos estratéxicos de carácter medioambiental, e repercutindo os custos da sociedade nos concellos e finalmente nas familias, non existen incentivos para modificar as conductas. A sociedade factura a todolos Concellos por unha tarifa idéntica, con independencia do proceso dos residuos, sexa incineración ou soterramento, cando os procesos teñen custos diferentes. Máis ainda, factura igual a todolos concellos por tonelada, malia que a lei de réxime local recentemente aprobada polo goberno central, atribúe diferentes competencias ós Concellos según o tamaño sexa superior ou inferior a 5000 habitantes. Como non existen incentivos para unha maior sensibilidade, nin tarifas diferenciais, nin tratamentos axeitados ás diferencias locais, só queda o voluntarismo. Por exemplo, a sociedade SOGAMA impulsa a compostaxe nunha cifra mínima, mil cincocentos fogares, sobre máis dun millón de fogares galegos.

Finalmente, a reforma do sector eléctrico ven a modificar totalmente a viabilidade da sociedade. Lembremos que no novo esquema, logo da reforma tarifaria, os ingresos por enerxía representan o 37% fronte o 54% das taxas. A modificación das taxas condena a un incremento progresivo das tarifas aboadas polos concellos. Non se están ofrecendo solucións ós problemas de moitos Concellos que teñen recurrido ou cuestionado as taxas unilateralmente impostas pola Xunta, con desprezo dos contratos asinados e vixentes. Urximos unha solución pactada a ese conflito enquistado.

Unha vez máis, compre lembrar a irrelevancia do goberno galego na defensa dos intereses galegos diante do goberno central. Sendo a primeira Comunidade en producción de enerxía, con exportación neta, cun sector eólico todavía importante e con esa elevada valorización enerxética dos residuos, a Xunta non foi quen a sustraer ésta do novo marco legal nin a defender aquelas, nin a conseguir un esquema de prezos diferenciado.

Un dato maís, que ratifica canto vimos decindo: oscurantismo da Xunta e da sociedade SOGAMA. Na web desta podense ler argumentos sobre os verdes de Alemaña ou sobre as cifras no tratamento de residuos de Dinamarca. Non hai estatísticas de Galicia, nin na web da Xunta. Saben que son indefendibles no seu conxunto. No seu lugar, abundancia de propaganda e de informacións de imposible contraste.

A posición socialista galega,  resumese na aceptación da Directiva comunitaria, coas suas prioridades, e polo tanto no pulo da reciclaxe e da compostaxe, como xa veñen facendo varios concellos galegos, co obxectivo de acabar co soterramento dos residuos. Non cremos que a posición galega de máxima incineración e máximo soterramento sexa sostible na Europa comunitaria. Nin que as novas xeneracións estén dispostas a asumir ese modelo.Nin que o futuro de SOGAMA veña mediatizado pola presenza no accionariado dunha empresa enerxética, cos seus propios intereses.










No hay comentarios:

Publicar un comentario