domingo, 12 de enero de 2014

RECORTAR A VOZ DOS MÁIS FEBLES


Cinco anos de Feijoo como Presidente galego, dabondo para saber das suas limitacións como gobernante. Na economía anotemos o desemprego, consolidado nos 270000 parados, e a caída das persoas cotizantes á Seguridade Social. Así como o desplome de sectores outrora punteiros como a construcción naval, a parálise do sector eólico e a perda da cuarta parte do emprego industrial existente. O poder financieiro propio, desaparecido. No ámbito social lembremos a reducción de dereitos e de servizos públicos. En paralelo a presión fiscal rampante, co incremento de todo tipo de impostos, taxas e prezos. As consecuencias, empeoramento do nivel de vida para a meirande parte das persoas, incremento da desigualdade, da emigración e da exclusión.

Son problemas suficientemente importantes para terse constituido en outras tantas liñas de forza da Xunta de Galicia. Pero Feijoo funciona noutro rexistro. Coa economía abandoada e as Caixas de Aforros liquidadas. O concurso eólico que debería crear 13000 empregos e investir 6000 millóns de euros, esquecido e cunha reforma eléctrica que liquida ás enerxías renovables galegas mentras dispara as tarifas para os consumidores.

A axenda política de Feijoo nestes anos tivo poucas prioridades. A fusión das Caixas e o concurso eólico, ambos rematados en sonoros fracasos. A fusión de dous pequenos concellos rurais, Oza e Cesuras, presentada como fito histórico, non tivo ata agora consecuencia algunha, agás que o único investimento empresarial previsto non será executado. E finalmente a reducción de escanos no Parlamento.

Unha reducción que leva a marca do estilo Feijoo. Anunciada reiteradamente para tapar outras deficiencias e sempre adiada. Enfatizando un asunto menor e menosprezando unha reforma máis ambiciosa do funcionamento das institucións políticas, como reclama un sector importante da sociedade. E sempre rexeitando calquera tipo de consenso.

Reducir o tamaño do Parlamento nunha quinta parte non mellora en absoluto o funcionamento das institucións, nin a calidade da democracia, nin o pluralismo. Nin as contas autonómicas, onde o aforro sería bastante menor dunha diezmilésima. Reducir forma parte do imaxinario que o PP tenta impoñer: menos debate, menos explicacións, menos control. Con tódalas suas limitacións o Parlamento é o único lugar onde calquera problema pode ser discutido e onde a capacidade do Goberno para impedilo é menor. É o último lugar, as veces o único, que recolle as preocupacións de calquera cidadán ou colectivo. Con independencia da eficacia desa liberdade de debate. Silencialo máis, só beneficia ó poder. Reducilo só perxudica ós que non teñen voz pública.

Pero si falamos seriamente da reforma da política galega, compre mellorar a participación dos cidadáns no procedimento lexislativo, hoxe excluidos, e ampliar o tempo de funcionamento da Cámara e a accesibilidade pública. Aceptar as comisións de investigación e de estudo. Impulsar a rendición de contas sistemática. Mellorar a contratación pública de bens e servizos. Facilitar o libre acceso á documentación das Administracións. Impulsar as medidas de prevención da corrupción, cando hai 150 procedimentos xudiciais abertos en Galicia. Ou reducir custos económicos nas campañas electorais, revisando a duración e os gastos necesarios.

Son as cuestións que están no debate social e que Feijoo prohibe tratar. Como prohibe o coñecimento das relacións da trama Gurtel coa Xunta de Galicia, ou o presunto financiamento irregular do seu Partido, ou os intereses do señor Marcial Dorado na Xunta. Como prohibe que a Comisión de investigación sobre as Caixas e a Comisión de Prevención da Corrupción, funcionen con normalidade e cheguen a conclusións. Velaí a visión democrática do Presidente.




No hay comentarios:

Publicar un comentario