jueves, 28 de abril de 2011
COMO SALZBURGO
PERSECUCION
Hai un ano o Partido Popular acusaba a Unións Agrarias de ter desviado fondos públicos por importe de 1´9 millóns de euros para pagar unha rede electoral, entendese que ó servizo do Partido Socialista. Durante tres semanas as acusacións foron constantes con alarde documental e mesmo con inspeccións irregulares en sedes do sindicato, interrogatorios ós seus traballadores e intentos de intimidación mediática. Pasado ese tempo as acusacións desapareceron, as investigacións foron arquivadas, non houbo denuncias nos tribunais.
Agora están imputados dous Directores Xerais da Xunta por desviación de poder. Pero paralelamente asistimos a denuncias continuadas de prácticas irregulares na contratación de persoal na Deputación de Ourense, un clásico xa no debate político; tamén hai coaccións sobre candidatos ás eleccións, discriminación na concesión de axudas e subvencións, etc. E dicir, volta ás prácticas de clientelismo que Feijoo prometera erradicar.
O Goberno négase a comparecer no Parlamento e cando vai, forzado polo Reglamento, non asume responsabilidades nin ofrece explicacións convincentes. Está violentando os procedimentos administrativos,, utilizando a Administración Pública como ariete político, esquencendo o mandato do artigo 103 da Constitución Española.
Nunha coñecida conferencia, "La política como profesión", logo de facer un retrato moi crítico da actividade política e partidaria, Max Weber explica que o político debe ter paixón e mesura. Paixón para loitar polo imposible, mesmo cando non hai esperanza e mesura para controlar as forzas "diabólicas" que desata coa sua acción.
Esa paradoxa non está sendo comprendida polo Goberno galego, orfo de principios e sobrado de autoritarismo. Velaí os motivos que nos levaron a pedir a reprobación do Conselleiro da Presidencia. Porque a confrontación política non debe causar víctimas colaterais nin utilizar a terceiros como reféns ou moeda de cambio. Ética da convicción pero tamén ética da responsabilidade.