martes, 30 de septiembre de 2014

TVG

A Lei 9/2011, dos medios públicos de comunicación de Galicia, foi promulgada o 16 de decembro dese ano. Tres anos máis tarde permanece bloqueada polo Goberno. O debate da lei foi precedido dunha Ponencia conxunta na Cámara que convocou en audiencia a 30 persoeiros para compartir as suas reflexións. No inicio do proceso, o portavoz popular expresaba que coa nova lei: “Mellorase a xestión, a independencia, a democratización dos nomeamentos, maior esixencia, reducción de custos, mellora do control”. Tres anos máis tarde semella que esos principios xa non son válidos para a Xunta, que amosa vontade de peor xestión, menor independencia, menor democratización, e sobre todo menor control.
Para qué serviron as comparencias do Consello da Cultura, de representantes doutras televisións, dunha ampla delegación da industria audiovisual, de xornalistas varios, mesmo do Colexio de Xornalistas, de catedráticos de universidade e diferentes expertos? Como ten acontecido  na Comisión de Investigación sobre as Caixas de Aforro, paralisada por molesta, ou na Comisión de Estudo para a Prevención da Corrupción, paralisada por contradictoria coa acción do goberno, os procedementos participativos están servindo para lavar a imaxe do Goberno, máis pechado que nunca a calquera atisbo de pluralismo.
A lei vixente foi aprobado pola 80% dos votos do Parlamento. Un amplo respaldo, pouco habitual, para unha lei que debería de suponer a adaptación da RTVG ás necesidades da comunicación do século XXI. A pregunta é obvia. Ten algún sentido pactar algo con este goberno?. Ou máis xenéricamente, Serve para algo este Parlamento? Usurpada a función lexislativa en beneficio do goberno, afogada calquera iniciativa de diálogo constructivo, incumplidas centos de veces as obrigas regulamentarias do Goberno verbo da Cámara, como canle das demandas cidadás,o Parlamento é hoxe un muro das lamentacións ou campo de discordia permanente. Lembremos que o  Parlamento existe para encauzar o conflicto social e ordenar as discrepancias.
A RTVG consume 90 millóns de euros procedentes dos impostos dos cidadáns. Cumple distintas funcións, pero incumple gravemente a primeira, ofrecer unha información veraz e plural. Non é o problema dos profesionais, sinon dos directivos, que limitan e cercenan a autonomía e probidade dos xornalistas, para ofrecer a visión sesgada da realidade que dicta a Presidencia da Xunta. Por eso o Sr. Feijoo non permite que a lei aprobada entre en funcionamento. Evoluir cara unha información plural, amosaría o traxe do emperador.
Repasemos o minutado dos últimos meses. Mes de abril, Feijoo aparece once veces máis que o Sr. Gómez Besteiro, dirixente do primeiro grupo da oposición. Mes de xuño, Feijoo aparece en pantalla nove veces máis. En tempo, 216 minutos, tres horas e media. Como en Cuba. Ademáis das numerosas novas dos Conselleiros e membros do Executivo, sempre baixo o prisma informativo máis favorable. As informacións sobre a oposición resaltan os aspectos negativos ou conflictivos.
A lei ten catro mandatos básicos:
-Aprobación do Mandato Marco, documento que establece as líneas de funcionamento da Radio e Televisión de Galicia. Ten que ser aprobado con maioría cualificada
- Aprobación pola Xunta dun Contrato Programa que debe garantir o financiamento da CRTVG para un período de tres anos.
- Consenso para designar a nova Dirección da CRTVG.
- Creación dos Consellos de Redacción na Radio e Televisión de Galicia.
Velaí as cuestións polas que o PP ten paralizada a aplicación da Lei. Porque pasa de televisión de partido e de instrumento de goberno, a televisión pública, ó servizo dos cidadáns.
Progresivamente, á perda de credibilidade, engadese a perda de audiencia. A Televisión galega está rexistrando os peores datos da sua historia, que empeoran cada mes. Unha televisión menos relevante, hiperpolitizada, ó servizo do partido Popular. Un modelo insostible. E por riba na franca ilegalidade.





jueves, 4 de septiembre de 2014

SETE REFLEXIÓNS SOBRE A ELECCIÓN DE ALCALDES


1. NON EXISTEN PROBLEMAS DE GOBERNABILIDADE NOS CONCELLOS

A Constitución, no artigo 140 sinala: “Os Alcaldes serán elexidos polos Concelleiros ou polos veciños”. Dende 1979 a lei electoral optou pola elección a medio dos Concelleiros. Na actualidade o grupo maioritario conta cun plus de representación a través da lei D´Hondt, que se aplica na distribución de Concelleiros. Obviamente, cando unha lista ten a maioría absoluta de votos, tamén conta coa maioría absoluta da Corporación. Caso contrario opera o principio de maioría política na Corporación, mediante os pactos entre Grupos políticos, igual que nos Gobernos estatal e autonómicos.
A nova proposta do PP, da que non se coñece o texto, apunta a primar coa Alcaldía ó grupo que acada o 40%, que tería enfronte ó 60% do electorado. Nin se propon unha segunda volta, como existe en Francia, nin unha elección directa do Alcalde, posibilidade existente na Constitución.
O único caso de desgoberno en Galicia, ten acontecido no Concello de Santiago, gobernado con maioría absoluta polo PP. Tres Alcaldes en tres anos, agora ostenta a Alcaldía quen figuraba no derradeiro posto da candidatura e gobernan con persoas non electas (sete Concelleiros non electos dun total de trece) que foron designados polo seu partido e non polos electores.
  1. NON EXISTE UNHA DEMANDA SOCIAL, NIN GRANDE NIN CATIVA
Nin nas enquisas do CIS nin noutras fontes sociolóxicas. Os Concellos non son percibidos como problema e teñen unha aceptable valoración.
  1. NON HAI CONSENSO POLÍTICO, NIN EXISTE DIÁLOGO
As reformas da lei electoral durante a democracia, foron consensuadas. Por primeira vez o Goberno de España manifesta o seu obxectivo de rachar co consenso nunha norma que forma parte do bloque constitucional. Abrese un precedente que terá consecuencias negativas no funcionamento democrático das institucións, sesgando as normas en función dos intereses partidistas do Goberno de turno. Igual que o PP tenta facer coa lei electoral galega.
  1. NON RESOLVE PROBLEMAS PERO CREA CONFLITOS
Os Alcaldes terán minoría social e polo tanto falta de lexitimidade para adoptar decisións. A conflictividade social e política será maior e a autoridade moral dos Alcaldes, menor. As institucións sufrirán desgaste e descrédito. A función moderadora dos poderes públicos será sustituida polo oportunismo partidista.
  1. PERSIGUE ESPÚREAMENTE O QUE NON CONSIGUE DEMOCRÁTICAMENTE
Coa reforma o Goberno parece renunciar a dous obxectivos. Dunha banda á consecución da maioría absoluta de votos. Doutra, á capacidade de acadar pactos de gobernación, coas vantaxes que teñen para conformar políticas de maior respaldo social. Os gobernos de coalición son habituais nas sociedades democráticas.
O PP goberna en maís de cen Concellos españois onde non é a lista máis votada. En Extremadura goberna en coalición con IU.
  1. O GOBERNO ESTÁ DEBILITANDO ÓS CONCELLOS 
    A recente Lei de racionalización da Administración Local expropia competencias sociais dos en beneficio das Deputacións Provinciais, que carecen de capacidade para xestionalas e polo tanto tenderán á privatización. Ademáis adiase o cumprimento do Pacto Local.
    Feijoo e a Xunta de Galicia, veñen defendendo a fusión de Concellos pero sen intención real de abordar os problemas de financiamento e xestión, como se comproba no caso de Oza-Cesuras, imposto de costas ós veciños e baseado en información sesgada.A defensa das Deputacións Provinciais, difícilmente sostibles no Estado autonómico, non vai acompañada, nas que gobernan, de experiencias de xestión innovadoras, nin na prestación de servizos, nin na eficacia.
  1. LONXE DE REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA ESTAMOS NUNHA INVOLUCIÓN INSTITUCIONAL
En Galicia, como en Castela-Mancha, o PP modifica os Parlamentos autonómicos para garantirse a maioría e reducir o pluralismo. En Galicia as institucións pretendidamente autónomas, están reducidas a órganos do PP. A nova lei da TVG, pactada hai tres anos, está bloqueada. O Consello de Contas, dirixido por recoñecidos dirixentes populares, o Valedor do Pobo, en funcións dende hai dous anos.
Igual que no ámbito estatal acontece coa Comisión Nacional do Mercado de Valores, ou a Comisión dos Mercados e da Competencia, onde calquera atisbo de independencia foi cercenado.
O PP non cree no afortalamento da sociedade civil, nin na necesidade de órganos reguladores independentes, nin na extensión da participación social. Só no control e na ocupación de todo o espazo público.